Esta mañá a concelleira Elvira Cienfuegos recebeu unha delegación do
núcleo comarcal de Verdegaia, que apresentara un documento de
participación no inicio da Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) da
Xunta para o plano especial que promove o concello neste espazo. O
colectivo ecoloxista achegou a súa preocupación por que desde Ambiente
da Xunta se resolvese finalmente que non era preciso continuar con este
trámite ambiental en base a que o PXOM xa fora aprobado definitivamente
cos preceptivos trámites. No mesmo documento tamén se recolle que a
Xunta declarara a "inviabilidade do submetemento do PXOM á AAE",
deixando na práctica, e até o momento, sen supervisión ambiental as
actuacións nesta paraxe.
Falamos de cambialo todo para que todo siga
igual ou falamos de cambialo todo para realmente cambialo todo? Falamos de
educar para aprender a separar residuos ou falamos de educar para aprender a
cambiar o mundo? Falamos de participar votando cada dous anos ou falamos de
participar sempre que queiramos? Desenvolvemento Sostible, Educación Ambiental,
Democracia... palabras que dependendo dos beizos que sirvan de acollida teñen
un ou outro significado. Son palabras prostituídas ou palabras roubadas? Verdegaia – Compostela convídate, unha vez máis,
a participar connosco desta tertulia na que, entre outras cousas, tentaremos
dar resposta a todos estes interrogantes. Vémonos o mércores 17 ás 20:30 no Paraíso Perdido (San Paio de Antealtares, 3. Santiago de Compostela)
O pasado fin de semana (13 e 14 de marzo) a asociación ecopacifista galega Verdegaia celebrou en Pontevedra a súa IV Asemblea Xeral. Tras analisar o traballo desenvolvido no último ano, avanzouse na elaboración do novo Plano Estratéxico debatendo sobre a relación de Verdegaia coa FEG, Ecologistas en Acción e Amarante. Unha vez fechados estes debates abordouse a planificación de traballo para o vindeiro período interasemblear e elexiuse nova Comisión Permanente e responsábeis de Áreas de Traballo para os videiros dous anos.
Vén de se publicar o número sete da revista Cos Pés na
Terra , unha revista electrónica para a información, a reflexión e o debate
sobre o medio ambiente e a sustentabilidade. Inclúe a crónica dunha conferencia
de Carlos Taibo sobre decrecemento e artigos verbo do impacto dos parques
eólicos na Rede Natura en Galiza, o panorama enerxético galego, a crise
alimentar, o Plano de Acción para deter a perda de biodiversidade na UE e o
activismo NYMBI. Activistas e expertos oferecen na sección debate a súa visión
sobre o desafío que supón a mudanza climática para Galiza. O número complétase
coa publicación dun manifesto ecoloxista galego de 1981 até agora inédito na
rede e con varias reseñas de libros e revistas. Podes consultar o novo número da revista aquí .
O venres pasado Verdegaia mantivo unha xuntanza con Daniel Luna, activista mexicano que
está a facer unha rolda europea de denuncia dos abusos e falsas
acusacións a que están sometidos os colectivos e persoas da loita
anti-mineira en México, especialmente, en Chiapas. Hai dous anos o goberno mexicano autorizou unha serie de
concesións para a exploración e explotación mineira a cinco empresas canandenses na Serra Madre de Chiapas. Nesa zona, as
terras son comunais e están poboadas fundamentalmente de campesiños/as
e indíxenas, cun elevado grao de analfabetismo. Sen máis información, moita xente asinou a partir dunha campaña de
"medias verdades" na que as empresas prometían estradas, colexios,
centros de saúde e emprego para a explotación do ouro.
O vindeiro xoves, 11 de marzo, proxectarase a derradeira das películas do ciclo de cine que as dúas asociacións veñen organizando no local que comparten en Compostela. Nesta ocasión, a película escollida é “La Dignidad de los Nadies” (Pino Solanas, 2005), un documental onde queda recollida a reacción popular ao corralito arxentino: comedores populares, piquetes, recuperación de fábricas, traballo solidario en hospitais públicos... Desta volta contaremos cunha participación moi especial: Pablo Carro, compañeiro que conta cunha larga traxectoria de militancia en diferentes movementos sociais en Arxentina, conducirá un coloquio despois do filme, ofrecéndonos algunhas claves para achegarnos a actual situación das iniciativas e experiencias populares xurdidas no país austral nos últimos anos.
Verdegaia solicita a anulación do estudo de impacto ambiental publicado pola Demarcación de Costas de Galiza para as súas obras previstas nas Brañas de Laíño.
O proxecto promovido hai xa sete anos baixo o nome de “Parque linear nas ribeiras do río Ulla” carece de calquera fundamentación científica que xustifique a implantación de paseos de formigón, aparcadoiros no miolo da zona protexida, embarcadoiros, praias artificiais e asfaltado de pistas. A intervención, que rebautizada como “Actuacións ambientais...” fora sometida hai tres anos a un primeiro trámite de exposición pública, recebira xa unha forte oposición por parte de Verdegaia, da Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO), a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e mesmo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza que rexeitaba as construcións propostas.