Unha iniciativa de voluntariado ambiental impulsada por Verdegaia para recuperar a biodiversidade e combatir a eucaliptización da Galiza.

FAITE BRIGADISTA!

Unha iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización da Galiza

Read more

As Brigadas Deseucaliptizadoras

promoven accións de restauración ambiental en áreas con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización estando abertas á participación de persoas voluntarias e titulares de parcelas de monte



19 e 20 de xullo: eliminación de invasoras en Baroña e Froxán

As actividades encádranse nos proxectos “Laboratorio Ecosocial do Barbanza” e “De Monte a Monte”

As Brigadas voltan ás comunidades de Baroña e Froxán para continuar os traballos de eliminación de especies exóticas invasoras coa Fundación Montescola. En Baroña, no sábado 19, machacaremos rebrotes de eucalipto e acacia nunha encosta na que as Brigadas xa plantaron centos de frondosas o pasado mes de febreiro. En Froxán, o domingo 20, acabaremos de tombar os eucaliptos que rodean a turbeira de Campos de Lamas. En ambos os dous casos, a roga terá lugar de 10 a 14h., rematando cun albaroque con produtos locais.

O prazo para se apuntar nas dúas xornadas é o xoves 17 de xullo. Indícanos a cal das dúas xornadas vas vir (ou se virás ás dúas!). Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org.

No sábado á tarde a Comunidade anfitrioa presentará o proxecto pioneiro do Centro de Transformación de Alimentos do Barbanza, mentres que no domingo organízase unha formación sobre cultivo de arandos (e unha recollida benéfica) encadradas no proxecto Erasmus+ transfronteirizo De monte a monte.

VÉMONOS NO MONTE !!!

12 de xullo, deseucaliptización nas turbeiras da Serra da Groba

As Brigadas deseucaliptizadoras desembarcan por primeira vez o 12 de xullo na Serra da Groba para unha acción deseucaliptizadora na orla dunha turbeira en proceso de restauración no Monte Veciñal en Man Común de Mougás (Oia). Os traballos terán lugar entre as 9:30 e as 13:30, momento no que pararemos para visitar o Curro de Mougás da man das expertas en cabalos salvaxes do proxecto RURALtXA! e da propia comunidade.

A continuación celebraremos o tradicional xantar de albaroque no Curro de Mougás e, logo da sobremesa, visitaremos os queirogais e turbeiras da Comunidade de Montes de Lourenza para coñecer mellor a importancia destes ecosistemas e dos esforzos para a súa conservación e restauración.

Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org (ata o xoves 10). Non faltedes!

VÉMONOS NO MONTE !!!

 

Estrea de “Alboroque” no festival Curtocircuito (Santiago) o 5 de xullo

Sabrina Fernández Casas convídanos á estrea da súa curta Alboroque, que se centra na iniciativa das Brigadas Deseucaliptizadoras a través das súas protagonistas. Será no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o sábado 5 de xullo, dentro da sesión de curtas que comeza ás 17:30h.

Brigadas activistas organizan unha resistencia ecolóxica contra as plantas destrutivas e a maleza descoidada que rodean as súas aldeas en Galicia.As limas que empregan para afiar as súas motoserra proceden dunha fábrica de metal en Suíza.A través destes dous territorios desenvólvese unha narrativa inesperada, moldeada pola migración e o activismo ecolóxico, que entrelaza o persoal co político.

Trailer: https://www.youtube.com/watch?v=OTT0xTm8mQ0

Máis información e entradas en: https://www.curtocircuito.org/sesiones/planeta-gz-2

5 e 6 de xullo: Formación sobre control de invasoras no Araño (Rianxo) e Froxán (Lousame)

Sábado 5: formación sobre xestión e control de plantas exóticas invasoras (Araño, Rianxo)

Elizabete (“Beta”) Marchante é sen dúbida das maiores expertas en invasoras arbóreas na península ibérica, e ten colaborado desinteresadamente coas Brigadas durante anos axudándonos a mellorar as técnicas e estratexias. Temos o pracer de a ter conosco o próximo sábado 5 nunha xornada formativa sobre xestión e control de plantas exóticas invasoras que organizamos co proxecto CAPRIF_CC.

Podedes apuntarvos até o xoves 3 neste formulario de inscripción.

De 11 a 13:30h. teremos unha sesión con ela no Local Social do Araño, seguida dunha visita de campo (opcional) por Rianxo a partir das 16h. Se queredes ficar a comer na Parrillada Barbanza (tamén no Araño) avisade (menú 15€) con un email a info@montescola.org

Domingo 6: xornada práctica de xestión de plantas exóticas invasoras (Froxán, Lousame)

Beta tamén nos acompañará o domingo 6 en Froxán para unha xornada práctica na que visitaremos algúns dos focos de invasoras que quedan no monte para deseñar estratexias de intervención e ensaiar os métodos de control e xestión. Desta volta a xornada será de 10 a 14h. e ao finalizar teremos o tradicional xantar de alboroque. Na parte da tarde visitaremos a plantación de arandeiras.

Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org (ata o xoves 3 de xullo).

VÉMONOS NO MONTE !!!

28 de xuño: Eliminación de acacia e robinia no río Tins (Serra de Outes)

Este mes de xuño as Brigadas voltan con forza ao proxecto de restauración fluvial do río Tins, co obxectivo de eliminar ás árbores exóticas presentes no treito final antes da desembocadura no Esteiro do Tins, na ría de Muros e Noia (Rede Natura 2000).

convocatoria do sábado 28 de xuño enmárcanse no proxecto ReNatur_Outes, xestionado pola Fundación Montescola e nelas eliminaremos pes de mimosa (Acacia dealbata) e robinia (Robinia pseudoacacia) das marxes contribuíndo así a renaturalizar este espazo natural de grande valor. Ao acabar, teremos petiscos na Casa da Cultura da Serra de Outes, con posibilidade de gozar pola tarde da praia de Broña ou da Devesa de Chacín.

Para participar só é necesario enviar un email a info@montescola.org ata o xoves 26 de xuño.

A xornada comezará ás 10:00 e seguirá ata as 13:30 aproximadamente, cando prepararemos unha merenda/albaroque á beira do río.

 VÉMONOS NO RÍO!!!

Sábado 21 de xuño: deseucaliptización e ecovisita en Froxán (Lousame)

O sábado 21 de xullo será lugar unha xornada especial en Froxán, na que adicaremos a mañá a eliminar rebentos de eucalipto na zona na que se cortaron os pés o verán pasado e se plantaron frondosas este inverno, así como a continuar a eliminación de eucalipto na contorna da turbeira de Campo de Lamas, agora incluida oficialmente no Rexistro de Zonas Húmidas da Galiza.

Na parte da tarde, logo do xantar de albaroque, faremos unha ecovisita para repasar os avanzos de 8 anos de voluntariado ambiental coas Brigadas neste territorio que comezará no punto onde se lanzaron as Brigadas en abril de 2018. No fin, teremos a estrea mundial do documentario de Rafa Xaneiro “Recuperar o monte“.

Para vos apuntardes debedes enviar email a info@montescola.org (ata o xoves 19).

VÉMONOS NO MONTE !!!

Sábado 7 de xuño: desacaciación en Leiro (Rianxo)

As Brigadas voltan ao monte veciñal de Leiro cunha nova intervención que terá lugar o sábado 7 de xuño de 10 a 14h. na que descacaremos varias manchas de acacia negra (Acacia melanoxylon), nunha zona cun inmenso patrimonio arqueolóxico (máis dunha ducia de mámoas e petroglifos).

Ao acabar, celebraremos o tradicional xantar de albaroque nun local próximo e, de tarde, as participantes poden quedar nalgunha das praias da parroquia como a das Cunchas ou Porrón.

A actividade está aberta a todos os públicos e a todas as idades e debedes apuntarvos até o xoves 5 de xuño enviando un email a info@montescola.org

VÉMONOS NO MONTE !!!

Premio ás Brigadas Deseucaliptizadoras na Romaría das Fousas

O Movemento Veciñal Fousas ao Monte e a Comunidade de Monte Veciñal en Mancomún O Fieitoso (Taragoña, Rianxo) entrega ás Brigadas Deseucaliptizadoras un recoñecemento pola defensa do colectivo e comunitario, así como pola loita por un territorio vivo e habitado, libre de invasoras e do dominio de extracción por lucro.

O acto terá lugar o Sábado 31  de Maio en Filgueiras, Taragoña, ás 13:30h, no marco da IV edición da ROMARÍA DAS FOUSAS.

Romaría das Fousas

O monte de Filgueiras acolle o sábado 31 de maio a IV Romaría das Fousas, organizada polo colectivo Fousas ao monte ao abeiro do seu incansábel traballo pola difusión e o impulso dunha xestión alternativa do monte, sustentábel e afastada do monocultivo.

O programa de actividades inclúe deporte, música e faladoiros para desfrutar dunha xornada festiva e reinvindicativa no noso monte.

No transcurso do evento entregaranse os Premios Fousellos de Ouro, que recoñece o labor de persoas ou entidades que están a traballar, dende o asociacionismo ou o voluntariado, pola mellora da biodiversidade, a loita contra as especies invasoras e a xestión ordenada e sostíbel do monte e do territorio.

24 de maio: As Brigadas voltan a Doade

E, pola tarde, andaina e ruada con música e petiscos

As Brigadas voltan a Doade o sábado 24 de maio para seguir axudando a pór en valor o patrimonio cultural e natural… e pola noite ruada con música, empanada e viño!
Os comuneiros e comuneiras de Doade (Beariz, Terra de Montes) continúan precisando da nosa axuda para por en valor varios elementos do patrimonio cultural e natural do seu monte veciñal. Para iso acondicionaremos 5 camiños do monte de Doade: a congostra do Portiño, o camiño das Mitueiras, o camiño do Portafeixa ao Portoespiño, a congostra de Abaixo ou dos Barreiros e o camiño a ponte da Pena.
Durante toda a xornada estaremos de novo acompañados por Pichi (Loita Verde), experto en fauna e flora.
Para apuntarse é preciso enviar un email antes do xoves 22 de maio ao enderezo electrónico: symbiosexestion@gmail.com

Programa

9:30h Punto de encontro na Praia fluvial de Doade, café e almorzo, preparar as ferramentas
10:00h Saída ao monte desde a praia fluvial
14:00h Volta a praia fluvial
14:30h Xantar na casa do Pobo de Doade. Menú sorpresa, viño do Rosal, auga da fonte do Farauto, café e licores
17:30h – 20:00h Andaina por “Doade Vello”, polos 5 camiños xa limpos e volta a casa do pobo
A partir das 20:30h Ao remate animamos a toda a xente a asistir á Ruada de Doade no adro da capela.

¿Qué fai falla traer?
Auga para hidratarse, roupa e calzado adecuado para andar polo monte, luvas, lentes de protección e tamén alguna ferramenta manual como sacho, tesoira de poda, serrote, fouce, machada, capacho…  Disporemos dalgunas ferramentas e tamén de motoserras e rozadoiras para a xente mais intrépida. Trae o que necesitas para darte un chapuzón na  fervenza do Porto de Anta e a túa pandeireta para a Ruada.
Avisa no email de inscrición que ferramentas vas traer, se es vegana, vegetariana ou se comes de todo e tamén se tes unha alerxia alimenticia que deberíamos ter en conta. Tamén avisa se precisarías ter aloxamento privado na zona de venres a sábado ou de sábado a domingo.

Son anfitrioas da II Brigada en Doade  a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Doade, SOS Suído Seixo/Mina Alberta NON, coa colaboración de Symbiose Xestión Natural S.Coop Galega (A Lama)

VÉMONOS NO MONTE !!!

17 de maio: comeza a desaucaliptización do Monte de Rois

Logo do xantar realizarase un roteiro para coñecer a contorna natural do monte

As Brigadas deseucaliptizadoras estréanse o próximo sábado 17 de maio no Monte Veciñal en Man Común de Contimunde, Cubela e Rois (no concello de Rois) coa Fundaçao Montescola, cunha acción de machaque de rebentos de eucalipto nunha zona que a Comunidade está traballando para recuperar os hábitats de carballeiras e bosque de ribeira. A acción permitirá conectar unha zona de carballeira ben conservada con outras próximas e coa ribeira do rego dos Muíños de Buxán, a poucos metros da espectacular fervenza de Rois.

Os traballos correrán de 10:00 a 14:00, máis partiremos puntualmente ás 9:30 do punto de encontro para realizar a pé o percorrido final até a zona de traballo. A Comunidade ofrecerá o tradicional xantar de albaroque no adro da Igrexa de San Mamede de Rois. Logo do albaroque, haberá un roteiro polo monte.

A actividade está aberta a todos os públicos e a todas as idades e debedes apuntarvos até o xoves 15 de maio enviando un email a info@montescola.org Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida.

VÉMONOS NO MONTE !!!

  • Vale máis unha terra con árbores nos montes que un Estado con ouro nos bancos ― CASTELAO
© 2025: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress