A experiencia

Sumarse a unha Brigada local e comarcal para realizar traballos de voluntariado ambiental nos montes da contorna é toda unha experiencia. Ademais de resultados tanxíbeis, as intervencións teñen sempre un carácter lúdico, participativo, educativo, sensibilizador e de extensión, sendo un xeito único de coñecer e aprender a respectar e coidar do territorio máis próximo. As Brigadas están abertas a todas as idades e colectivos sociais que queiran implicarse. Están abertas non só á implicación de persoas a título individual, máis tamén de colectivos no ámbito escolar, asociativo, deportivo, etc., ademáis de mobilizar e facer partícipes do proxecto ás titulares de terreos, especialmente ás comunidades de montes veciñais en man común.

A través de Verdegaia as Brigadas dispoñen dun fondo que permite a adquisición de ferramenta e outros materiais de loxística, así como avituallamento (comida e bebidas) para as voluntarias. As accións das Brigadas, con un non menos importante sentido de convivio e comunidade, artículanse normalmente por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal ofrecido ás voluntarias). O fondo tamén fai posíbel a adquisición de planta forestal para accións de reforestación con frondosas autóctonas e a cobertura coas correspondentes seguros de responsabilidade civil para persoas adultas e menores de idade. Verdegaia agradece doazóns que permitan manter e ampliar este fondo no tempo.

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress