O 26 de maio a tombar acacias en Lentille (Cenlle)

O sábado 26 de maio bótase ao monte a Brigada do Ribeiro dentro das Brigadas Deseucaliptizadoras, só que desta vez para eliminar pés de Acacia nunha parcela de 1 hectárea e media na aldea de Lentille, concello de Cenlle. Como no resto do Ribeiro, a proliferación da acacia debido aos incendios e abandono convirteuse nun problema de primeira magnitude. Neste caso, a intervención centrarase nunha parcela de Lentille orixinalmente vinculada á igrexa e que leva en estado de abandono desde os anos 1970. Os actuais propietarios pretenden recuperar os valores naturais da mesma así como os canais e pozos de rego antigos, coa súa biodiversidade asociada. A intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érvedos, etc.) para introducir no próximo inverno froiteiras bravas.

Para participar nesta acción é imprescindíbel en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria de 26 de maio mediante correo a brigadas@verdegaia.org O límite de persoas participantes fíxase en 30 para facilitar os traballos de modo que se irán cubrindo por orde de inscrición. Agradécese que nos notifiquedes se tendes algún requerimento alimentario especial para tentar que no albaroque haxa algo para vós. A data límite para apuntarse é o 20 de maio para poder organizar ben a comida e demais loxística.

Comezaremos os traballos ás 10 da mañá e pararemos para o albaroque por volta das 14:00. Despois do albaroque, na parte da tarde, haberá foliada, paseo pola zona (na que destacan a Casa Grande de Lentille e as vistas do val do Ávia) e un pequeno obradoiro práctico sobre o combate contra a velutina. Vémonos no monte!

Comments are Closed

© 2018: Brigadas deseucaliptizadoras