Crónica da roga deseucaliptizadora do Castro de Bexo

Eran ás 9:30h do sábado 16 de xuño e comezaban a chegar ata a Cruz do Avelán voluntarios e voluntarias de toda Galicia: de Ribeira, de Compostela, de Vigo, de Vilaboa, de Ponteareas, de Ferrol, da Coruña, de Ames, de Mondariz, de Poio, de Lousame, de Ourense, de Rianxo, de Pontecesures, de Teo e por suposto de Dodro, que acudiron á roga. Joám da Brigada Deseucaliptizadora do Barbanza traía as ferramentas, ían chegando os tractores de Xurxo e de Ares de Bexo, coordinados pola A.C. Unidade Veciñal de Dodro, para transportar dende este lugar ós brigadistas, para non ateigar de vehículos as proximidades do Castro. Como nunha procesión foron os tractores cargados de xente e ilusión para afrontar o traballo, e de auga fresca e froita que a AA.VV. de San Xoán de Laíño se encargou de proveer.

Ás 10h. empezaron os traballos de eliminación de rebrotes dos eucaliptos e a baixada da rama que quedou na parte alta do castro trala corta que se fixo fai un ano.

Ás 12h. fixemos unha paradiña para refrescarnos e repoñer forzas con unha pouca froita, que tamén aproveitamos para que Carlos Otero Vilariño, arqueólogo director do proxecto, nos explicara brevemente en que consistirán os traballos no futuro e para indicar que o traballo das brigadas deseucaliptizadoras lle parece moi interesante para recuperación do patrimonio castrexo que aínda está asoballado pola presenza do eucalipto.

Despois dun magnífico traballo dos brigadistas, que deixaron completamente limpo de rebrotes e de rama todo o entorno, fixemos unha visita por todo o castro con Carlos Otero de guía que nos explicou o sentido do castro e as súas funcións, tanto en época castrexa como na altomedieval. Coas vistas á Ría de Arousa e ó tramo final do Río Ulla, os e as brigadistas preguntaban polos castrexos, as funcións das inmensas murallas, os suevos, os vikingos, o control do territorio… Moito nos prestaron as indicacións de Carlos Otero.

E rematamos cun espléndido albaroque na área recreativa da Cruz do Avelán que organizou a AA.VV. de San Xoán de Laíño.

E aínda houbo folgos para ir a ver os Petróglifos de Bouza Badín! Alá fomos unha boa cantidade de brigadistas a ver os cervos, as coviñas, os círculos concéntricos que fai mais de 4000 anos fixeron os devanceiros da zona.

Agradecer a Joám Evans, a Verdegaia, a Comunidade de Montes da Cruz do Avelán, a AA.VV. de San Xoán de Laíño e por suposto a A.C. Unidade Veciñal de Dodro que coordinou todo o operativo.

Por Xoán Xosé Vicente Franco

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress