8 de xullo, as Brigadas súmanse á restauración do Monte de Padróns

As Brigadas Deseucaliptizadoras veñen de sumarse ao proxecto de restauración ambiental do monte veciñal en man común de Padróns, en Ponteareas, gravemente afectado polos lumes do pasado ano. Aínda que veciñas e veciños e voluntariado de fóra da parroquia veñen actuando xa de forma continuada, a primeira participación das Brigadas está programada para o domingo 8 de xullo e limitada a 10 efectivos por cuestións de loxística. Para se apuntar, compre enviar un correo electrónico ao enderezo das Brigadas.

Organizados por quendas e tarefas, veciños e veciñas das Cortellas traballan para restablecer o patrimonio natural e reparar as feridas causadas polo lume. A primeira medida urxente foi espallar palla polo monte nas zonas que máis posibilidades tiñan de erosion, facendo fincapé nas pendentes grandes e sen vexetación que quedaron desprotexidas. O segundo paso foron os traballos de limpeza parar preparar, co que se foi cortando, distintas liñas de nivel de contención buscando o nivel de pendente para impedir que baixara a terra. Posteriormente, realizáronses traballos de plantación de árbores autóctonas como bidueiros, carballos, castiñeiros, loureiro e árbores froiteiras salvaxes que, agora, ocupan algunhas zonas dos montes queimados. As brigadistas centraranse o próximo día 8 en “descubrir” as árbores que se plantaron no pasado inverno e que xa están tapadas polo fento e entutoralas (con caña de bambú que levaremos nós o día antes).

Este proxecto naceu dunha reunión de veciños que se convocou despois dos lumes de outubro de 2017 para falar de qúe podían facer os veciños para axudar ó monte. Nesta reunión acordouse entre outras cousas subir ó monte o último domingo de cada mes para facer traballos voluntarios. Dende aqueles inicios ata o de agora, foron quen de estender palla nunha gran superficie, talar zonas de pino e eucalipto que quedaban cerca das casas, repoboar estas zonas e outras con frondosas autóctonas, organizar o festival “Música polo noso Monte” (que foi un auténtico éxito) para recaudar fondos, arreglar camiños, facer cortafogos verdes, un viveiro propio, actividades cos nenos,  organizar cursos relacionados co sector ambiental, etc…

 

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress