18 de agosto, as Brigadas toman Rebordelo

O día 18 de agosto as Brigadas deseucaliptizadoras inician os seus traballos coa Comunidade do Monte Veciñal en Man Comñun de Rebordelo, nas terras de Cotobade. A Comunidade de Rebordelo está comprometida na aposta por un novo modelo de relación co medio, sostible con criterio ambiental e baseado na multifuncionalidade onde se valorice o patrimonio e os recursos ecosistémicos que nos prove o noso monte. Para participar nesta acción, que comezará ás 10 da mañá, cumpre enviar un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org confirmando a participación ata o día 12 de agosto (ademais de estar previamente inscrita como brigadista). Desde xeito

A proposta de traballo para o próximo 18 de agosto sitúase nunha zona do territorio comunitario que foi invadida por eucaliptos colonizando espazos de matogueira e parte dunha carballeira de gran extension pero en distintas fases de desenvolvemento. Esta área viuse afectada pola vaga de lumes de 2017 co drama acontecido nesa noite negra que nos visitou “Ophelia”. Isto, ademais de supor un duro golpe á Comunidade, que perdeu varios cultivos silvicolas de piñeiro, próximos á corta e sustitución por frondosas, deixou a Comunidade, que ocupa 300 hectáreas, nunha situación difícil.

A Comunidade de Rebordelo quere crear unha Área de Conservación dentro da comunidade que ocuparía dous terzos da superficie, adicada á conservación ambiental e uso público, xerando un cordón de proteción de frondosas que protexa a aldea como ata agora da triste realidade do lume. Nesta área atópanse os nosos abastecementos de auga, as zonas de produción micolóxica e de production de castaña que se están a desenvolver. No resto do territorio estanse avaliando posibilidades doutros aproveitamentos como a apicultura ou gandaría en extensivo.

Desde a Comunidade apelouse ás Brigadas para axudar na consolidación desta área de protección, para erradicar a colonización de eucaliptos e acacias (principalmente dealbata e melanoxylom) no monte, unha vez que require traballo manual minucioso inasumible económicamente para a Comunidade, envellecida e reducida en poboación. Por iso se fai un apelo á participación nesta roga, somando o apoio das persoas que valoran o noso patrimonio e queren ser partícipes da súa conservación e rexeneración.

O territorio do Monte Veciñal de Rebordelo representa unha mostra ecolóxica e etnoráfica da paisaxe en transición entre as serras litorais e a dorsal galega. Por este motivo responde a unha biodiversidade moi particular xa que atopamos especies características de distintas faixas ecolóxicas. Serve de corredor ecolóxico entre as dúas áreas de especial conservación dentro do concello de Cotobade: O Río Lérez, ZEPVN (zona de especial protección dos valores naturais) e LIC (lugar de importancia comunitaria), que discorre polo Concello con tramos ben conservados de bosque de galería ou ameneiral ribeiro en canto á vexetación, coas correspondentes especies faunísticas asociadas ao río e ao bosque de ribeira; e a Serra do Cando, ZEPVN (zona de especial protección dos valores naturais) e LIC (lugar de importancia comunitaria), situada ao leste do Concello, dentro da Dorsal Galega, con notables extensións de matogueira xunto con pequenas carballeiras e pequenas superficies de turbeiras e torgueiras con esfagno.

O monte comunal de Rebordelo posúe os seus propios valores ecolóxicos. Neste entorno atopamos bosques de frondosas en bo estado de conservación, zona transición climática entre clima oceánico húmido e mediterraneizado. Cabe resaltar a convivencia de grande variedade especies do xénero Quercus, robur, pyrenaica, petraea, suber, segundo a altitude, alén doutras especies de frondosas, abundan as bidueiras, salgueiros, sabugueiros, castiñeiros, loureiros estripeiros etc. Especialmente resaltables serían as zonas de bosque mixto entre carballos e acibeiras que son representativas de bosques maduros e moi pouco frecuentes. Atópanse tres hátitats de tipo prioritario os xa citados coma valores do concello pero que carecían de protección e plan de usos e xestión, cousa que se está a remediar na comunidade implantando dende hai anos un novo modelo de xestión sostible e multifuncional.

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress