Primeira roga en Corcubión impulsada por Boca de Sapo

O próximo sábado 1 de setembro a Asociación “Boca de Sapo” realizará a primeira intervención da brigada local de Corcubión eliminando eucaliptos dunha parcela denominada “Monte Cabeiro”, actualmente de titularidade municipal. A parcela de 7.586 metros cadrados e encóntrase no lugar de Amarelle, máis a apenas 250 metros da vila. Con esta actuación, “Boca de Sapo”, unha asociación eco-social e cultural, sen ánimo de lucro, pretende implicarse na restauración e conservación ambiental dos espazos naturais de Corcubión eliminando os factores que supoñén unha ameaza á biodiversidade do bosque húmedo atlántico galego.

Para iso, Boca de Sapo presentou de maneira pública no Concello de Corcubión, a través do seu regulamento de Participación Cidadá (aprobado na sesión plenaria do 26 de marzo de 2015 e publicado no BOP o 25 de maio de 2015) e de xeito extensivo a toda a cidadanía, unha moción para a declaración de Corcubión como “Concello Libre de eucaliptos”. A devandita moción foi aprobada polo pleno do Concello en novembro do 2017 pola maioria dos grupos políticos coa abstención do partido do PACOR. Esta parcela de Monte Cabeiro pretende ser a primeira na que actúe a Brigada de Boca de Sapo, nun proxecto a longo prazo que irá aumentando as superficies de actuación.

Para colaborar coa Brigada local das Brigadas deseucaliptizadoras que promove a Asociación Boca de Sapo en Corcubión podedes entrar en contacto co colectivo por medio do seu Facebook ou enviando un correo ao email das Brigadas.

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress