13 de outubro: Nova roga deseucaliptizadora en Rebordelo

Desde a CMMC de Rebordelo no concello de Cerdedo-Cotobade, continuamos cos traballos nunha nova roga das brigadas deseucaliptizadoras marcada para o sábado 13 de outubro. A proposta de voluntariado nesta ocasión céntrase nunha área do territorio que sufriu o desastre ambiental da vaga de lumes de outubro de 2017. Nesta nova convocatoria continuaránse consolidando os traballos da roga anterior realizando a corta e retirada da madeira queimada, principalmente eucaliptos de pequeno porte e o control dos retoños dos mesmos. Tamén realizaremos tarefas de descasque nas masas próximas desta especie que non foron afectados polo lume, para progresivamente eliminala da zona. Partirmos para a zona de traballo ás 9:30 polo que se debe estar puntualmente no punto de encontro a esa hora como moi tarde. O prazo para se apuntar finaliza o día 8 de outubro, sendo preciso enviar un correo a brigadas@verdegaia.org 

Coa devandita proposta preténdese crear unha área de conservación dentro da comunidade de montes, a cal ocuparía dous terzos da súa totalidade, destinada á conservación ambiental e ao uso publico. Deste xeito, xeraríase un cordón de protección de frondosas que protexería á aldea dos lumes forestais, así como a outros servizos ecosistémicos, como o abastecemento de auga, a apicultura ou a produción micolóxica ou da castaña, proxectos que se están a desenvolver en fase inicial na comunidade.

O monte veciñal de Rebordelo representa unha mostra ecolóxica e etnográfica da paisaxe en transición entre as serras litorais e a dorsal galega, onde se atopan bosques de frondosas en bo estado de conservación (Q. robur, Q. pyrenaica, Q. petraea, Q. suber, alen de bidueiras, salgueiros, sabugueiros, castiñeiros, loureiros estripeiros). Por este motivo existe unha biodiversidade moi particular xa que atopamos especies características de distintas faixas ecolóxicas, podendo servir esta actuación de recuperación e restauración ambiental como corredor ecolóxico entre as dúas Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais presentes no concello de Cotobade: o ZEPVN Rio Lérez e ZEPVN Serra do cando. Ademais, en canto a recursos arqueolóxicos e etnográficos, destacan varios xacementos castrexos, como o castro de Famelga e o da Atalaia, así como numerosas fontes, cruceiros, petos de ánimas e conxuntos arquitectónicos tradicionais.

Por todos estes motivos, dende a CMMC de Rebordelo facemos unha roga a solidariedade para a consolidación desta área de protección e para erradicar as especies invasoras do noso monte. Préstache unirte á nosa Brigada? Agardámoste!

Comments are Closed

© 2018: Brigadas deseucaliptizadoras