Nova brigada desacaciadora no Ribeiro o 17 de novembro

O sábado 17 de novembro botámonos novamente ao monte na aldea de Lentille, concello de Cenlle (Ribeiro) pra atacar a invasión de mimosa (Acacia dealbata) que sofre a comarca. Nesta roga continuaranse os traballos iniciados o pasado mes de maio nunha zona que levaba en estado de abandono desde a década de 1970. Os actuais propietarios pretenden recuperar os valores naturais da mesma así como os canais e pozos de rego antigos, coa súa biodiversidade asociada. A intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érvedos, etc.) para así introducir este mesmo inverno froiteiras bravas.

Para participar nesta acción é imprescindíbel en primeiro lugar estar inscrita como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria do 17 de novembro mediante correo a brigadas@verdegaia.org O límite de persoas participantes fíxase en 30 para facilitar os traballos de modo que se irán cubrindo por orde de inscrición. Agradécese que nos notifiquedes se tendes algún requerimento alimentario especial para tentar que no albaroque haxa algo para vós. A data límite para apuntarse é o 13 de novembro para poder organizar ben a comida e demais loxística.

Comezaremos os traballos ás 10 da mañá e pararemos para o albaroque por volta das 14:00, regado cos excelentes viños e licores do Ribeiro aos que nos ten (mal) acostumadas a Brigada da comarca. A roga non se suspenderá en caso de chuva, polo que vinde preparadas por se fai mal tempo. Despois do albaroque, na parte da tarde, haberá foliada e, se a climatoloxía o permite, un novo roteiro descobrindo os tesouros patrimoniais da contorna.

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress