Última roga do ano: 8 de decembro en Froxán (Lousame)
Queremos dar a despedida a este primeiro ano brigadista onde comezamos en abril: no monte veciñal en man común de Froxán (Lousame), primeiro a ser recoñecido polo Programa das Nacións Unidas para o Ambiente como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA). Ven despedir o ano connosco o sábado 8 de decembro eliminando eucaliptos nun espazo de grande valor natural: a zona húmida de Campo de Lamas, unha braña higro-turbosa que acolle un hábitat de interese comunitario prioritario de queirugal húmido e que cuxo plan de xestión foi seleccionado dentre cinco de todo Estado entre proxectos de adaptación ao cambio climático. Se queres saber todo sobre o lugar antes de vir podes descargar o Plan de Xestión íntegro aquí.
Segundo un estudo elaborado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, Campo de Lamas é unha turbeira mineroxénica mixta de alveolo e de surxencia. Tres dos seis puntos das mostras tomadas a unha profundidade de entre 25 e 60 cm mostraron valores de C orgánico superiores ao mínimo asumido (15%) e o perfil completo, nun dos puntos, valores superiores a éste desde 60 cm de profundidade ata a superfície.
Como sempre, precisamos que vos apuntedes enviando un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org até o dia 5 de decembro. Lembrade que é a semana da ponte e que teremos tempo moi xusto para facer as encomendas de comida. Avísanos tamén se tes algunha necesidade ou preferencia alimentaria especial, que tentaremos atender. Comezaremos os traballos ás 10 da mañá polo que precisamos que estexades todas en Froxán ás 9:30, no punto de encontro habitual (que vos comunicaremos uns días antes) e finalizaremos ás 14:00 para gozar xuntas dun albaroque digno destas datas regado unha vez máis cos excelentes viños e licores do Ribeiro.
Durante a sobremesa e tarde, queremos ademais de brindar polas xa máis de 300 brigadistas que facedes parte deste proxecto, recapitular todo o traballo feito nos últimos meses e decidir xuntas como podemos ir máis alá e mellorar en 2019. É bo momento para compartir, distribuir e asumir tarefas e desafíos para o ano que entra, e facer así das Brigadas un proxecto de todas nós e moitas máis!
A roga non se suspenderá en caso de chuva ou outras inclemencias, así que vide preparadas para calquera escenario. Vémonos no monte!
[…] o alboroque da roga deseucaliptizadora celebrada en Froxán o pasado 8 de decembro, alguén propuxo que deseucaliptización era a palabra do ano. E desde logo para toda a xente […]