«Deseucaliptización» é a Palabra do Ano 2018

Durante o alboroque da roga deseucaliptizadora celebrada en Froxán o pasado 8 de decembro, alguén propuxo que deseucaliptización era a palabra do ano. E desde logo para toda a xente implicada nas Brigadas foino! Tamén se propuxo, medio en serio, medio a brincadeira, que se debía propor formalmente na iniciativa “Palabra do Ano” do Portal das Palabras. Dito e feito. Unha semana despois, e grazas ás vosas propostas, “deseucaliptización” foi seleccionada como unha das 6 finalistas.

Logo veu unha votación pública aberta que finalizou o 25 de decembro. Deseucaliptización sumou 3.114 votos, máis da metade dos 5.724 votos emitidos, e así foi proclamada hoxe “Palabra do Ano 2018”. A propia “proclama” revela o que hai detrás deste resultado e de iniciativas como as Brigadas deseucaliptizadoras: “a vencedora apela ao desexo de recuperación da masa forestal autóctona cando a plantación e reforestación indiscriminada dos eucaliptos provoca cada vez máis rexeitamento, tanto pola pegada que deixan na paisaxe como polo seu impacto na biodiversidade e outros problemas asociados á súa proliferación“. Nesta ligazón podedes saber máis sobre a orixe desta palabra e na web das Brigadas recompilamos todas as noticias sobre as Brigadas aparecidas desde o pasado mes de abril.

Para o celebrar e axudar a levar esta palabra aínda máis lonxe en 2019, vimos de por en andamento unha campaña de micromecenado en Teaming a través da cal calquera persoa pode facer unha doazón mensual recurrente de 1 euro ao longo do próximo ano. As doazóns axudarán a sufragar os gastos de seguros (responsabilidade civil e accidentes), adquirir árbores e ferramentas para as intervencións, dotar ás brigadas de equipos de seguranza e protección (roupa anticorte para motoserristas, luvas, …) e sufragar os albaroques cos que se premia o esforzo das brigadistas. A plataforma Teaming non aplica ningunha comisión, de modo que o 100% das doazóns van directamente para as brigadas e, ademáis, implican unha deducción fiscal de ata 50% no IRPF (i.e, a túa doazón de 12 euros anuais desgravará 6 euros na declaración do IRPF). Agradecemos que nestas datas convidedes ás vosas coñecidas e amigas a apoiar o proxecto das Brigadas, facéndose brigadistas, achegando novos terrenos ou facendo doazóns.

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress