2 de febreiro: 1000 árbores autóctonas para Froxán

O día 2 de febreiro celebramos o Día Mundial das Zonas Húmidas, que conmemora a adopción en tal día do ano 1971 da Convención RAMSAR para a protección dos humedais. Durante 2018 varias intervencións das Brigadas centráronse na eliminación de especies exóticas invasoras da contorna da zona húmida de “Campo de Lamas” e o 2 de febreiro facilitaremos a recuperación do bosque nativo nesta zona da Área Conservada pola Comunidade Local de Froxán, en Lousame, recoñecida como ICCA (Indigenous and Community Conserved Areas) polo programa das Nacións Unidas para o Ambiente.

A intervención guíase por un plan de xestión e recuperación ambiental que foi seleccionado como un dos catro casos piloto para a guía “Cómo planificar los proyectos de custodia para adaptarse al cambio climático en las regiones vulnerables de España”, e que podedes coñecer en detalle aquí. Segundo un estudo elaborado por investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela, Campo de Lamas é unha turbeira mineroxénica mixta de alveolo e de surxencia e, como tal, un importante reservorio de carbono.

Como sempre, ademais de estar previamente inscritas como brigadistas, para vos anotar para esta roga precisades enviar un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org até o dia 29 de xaneiro. Todas a brigadistas participantes deberán estar puntualmente en Froxán ás 9:30, no punto de encontro habitual e finalizaremos ás 14:00 para gozar xuntas do xantar de albaroque. Lembrade que roga non se suspenderá en caso de chuva ou outras inclemencias: non existe tempo ruín, só roupa inadecuada 😉

Nesta ocasión, queremos agradecer especialmente o apoio da European Outdoor Conservation Association polo seu apoio continuado á recuperación da ICCA Froxán do viveiro VIFORSA, por facer unha xenerosa doazón de planta autóctona identificada para restaurar as zonas degradadas por especies exóticas invasoras.

Vémonos no monte o 2 de febreiro!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress