O 23 de febreiro súmate á desacaciación do Ribeiro!

O sábado 23 de febreiro botámonos novamente ao monte na aldea de Lentille, concello de Cenlle (Ribeiro) pra atacar a invasión de mimosa (Acacia dealbata) que sofre a comarca. Nesta roga continuaranse os traballos iniciados no mes de maio de 2018 nunha zona que levaba en estado de abandono desde a década de 1970. Os actuais propietarios pretenden recuperar os valores naturais da mesma así como os canais e pozos de rego antigos, coa súa biodiversidade asociada. A intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érvedos, etc.).

Para participar nesta acción é imprescindíbel en primeiro lugar estar inscrita como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria do 23 de febreiro mediante correo a brigadas@verdegaia.org Á vista do número de ausencias inxustificadas na intervención do pasado 2 de febreiro en Froxán, agradecemos que aquelas brigadistas que non poidan garantir a súa asistencia se absteñan de apuntarse, dado o gasto e desperdicio de comida que supoñen as cancelacións ou inasistencias. A data límite para apuntarse é o 18 de febreiro para poder organizar ben a comida e demais loxística.

Comezaremos os traballos ás 10 da mañá e pararemos para o albaroque por volta das 14:30, regado cos excelentes viños e licores do Ribeiro aos que nos ten (mal) acostumadas a Brigada da comarca. A roga non se suspenderá en ningún caso, mesmo que chova, polo que vinde preparadas por se fai mal tempo: non existe tempo ruín, só roupa inadecuada. Se tedes reparos en vir a unha brigada mollada aforrade a empada 😉 Despois do albaroque, na parte da tarde, haberá convivio e a posibilidade de visitar a área conservada pola Asociación Ridimoas, do outro lado do val, que será escenario da próxima intervención das brigadas.

Comments are Closed

© 2019: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress