Colabora coas Brigadas Deseucaliptizadoras facéndote cun exemplar da novela «O Coala»

Na procura de dar continuidade ao traballo feito até agora polas Brigadas Deseucaliptizadoras, en Verdegaia queremos anunciar e agradecer a iniciativa de Daniel Ugarte, autor da novela O Coala, recentemente publicada por Edicións Do Peirao. Daniel ofreceuse a doar ao proxecto das Brigadas un euro por cada exemplar da novela vendido.

“Pareceume un bo xeito de vincular a obra coa realidade na que se insire”, explicounos Daniel. “Tamén de darlle visibilidade, claro. Tanto á novela como ao problema forestal que temos en Galicia.” O Coala conta a historia de Thomas Reed, un mozo galés que se traslada coa súa familia a Galicia para traballar como profesor de inglés nun colexio privado de Santiago de Compostela. Pouco despois da súa chegada, Thomas será testemuña dun acontecemento que crebará a convivencia da sociedade galega en tempos de crise: a misteriosa aparición dun coala nunha antiga carballeira, transformada agora en eucaliptal.

“A miña intención era parodiar a relación que temos as galegas e os galegos coa nosa lingua, co territorio, coa nosa cultura, en suma. E quería tamén que todo iso fose presentado desde os ollos dun estranxeiro, para conseguir certa distancia e non caer en visións excesivamente simplificadoras da realidade”, relata o autor.

Desde as Brigadas Deseucaliptizadoras saudamos esta proposta na que o patrimonio natural e cultural danse a man e animámosvos a que coloquedes O Coala na vosa lista de próximas lecturas. A novela xa está dispoñíbel na páxina web de Do Peirao e pronto o estará tamén en librarías de toda Galicia. Para animarvos a coñecer tanto o tema como o tono da novela, Daniel partilla en exclusiva coas Brigadas dous capitulos do inicio do libro.

Comments are Closed

© 2019: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress