Deseucaliptización simultánea no Día Mundial dos Bosques

A rede a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, na que se integran Verdegaia e outras entidades colaboradoras das Brigadas Deseucaliptizadoras, ven de facer un chamamento a celebrar o Día Mundial dos Bosques cunha “Deseucaliptización Simultánea” por toda Galiza. Esta plataforma, conformada por máis de 60 entidades, convida a centros educativos, colectivos, asociacións, plataformas e particulares a promover iniciativas de eliminación de eucaliptos e doutras plantas invasoras dos montes galegos durante a vindeira semana,  con motivo do Día Internacional dos Bosques.

vindeiro xoves, 21 de marzo, é o Día Mundial Forestal ou dos Bosques, declarado así pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para homenaxear a importancia de todos os tipos de bosque e xerar conciencia ao respecto, no plano individual e colectivo, instando tamén ás administracións públicas a promover iniciativas que favorezan, protexan e respalden os bosques. Estes achegan á sociedade múltiples beneficios: mitigan o cambio climático, reteñen carbono, favorecen a provisión de auga, xean biodiversidade e paisaxe, son fundamentais para a conservación da natureza, ofrecen oportunidades para o desenvolvemento económico e son fundamentais para a vida.

O lema escollido este ano polas Nacións Unidas para celebrar o Día Mundial Forestal é “Aprende a amar o bosque”, mais consideramos que o primeiro será distinguir o que é un bosque do que non o é. Mentres que un “bosque” é un ecosistema natural complexo, dominado por especies arbóreas e a súa vexetación acompañante, no que habitan animais, fungos e microorganismos entre os que se establecen interrelacións perdurables no tempo; unha “plantación forestal” é un conxunto de árbores normalmente uniformes que se plantan unicamente polo seu interese comercial, e que adoita estar formado por especies alóctonas que non establecen interrelacións perdurables coas especies autóctonas. As plantacións de especies alóctonas (nomeadamente, as invasoras e dominantes) causan un forte impacto negativo sobre as especies forestais propias, o solo, os cauces fluviais, a biodiversidade e contribúen a favorecer os incendios forestais. É caso das superficies ocupadas co xénero Eucalytus, que a día de hoxe xa supera as 500.000 hectáreas, o que representa o 17% do total da superficie galega.

LISTA PROVISIONAL DE ACCIÓNS DE DESEUCALIPTIZACIÓN

Na táboa de abaixo, indicamos algunhas das propostas que xa se sumaron á “Deseucaliptización Simultánea 2019” de Cousa de Raíces, e nas que xa te podes apuntar para participar, contactando coas entidades promotoras a través dos teléfonos e mails que se sinalan.

Tamén podes consultar estes datos premendo sobre as localizacións das accións que se sinalan no mapa preliminar da “Deseucaliptización Simultánea 2019”: https://drive.google.com/open?id=1MgSqHOhuNT-w2PDZvQDV_E-oKXDSE2nH&usp=sharing

Imos deseucaliptizar o país!!! Vémonos no monte!

Táboa deseucaliptización simultánea 2019 -(II)

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress