8 de xuño: rogas simultáneas en Ferrol, Froxán, Lentille, Rebordelo e Corcubión

Para por en destaque a semana do Día Mundial do Ambiente, as Brigadas Deseucaliptizadoras lanzan unha ofensiva simultánea ao eucalipto e á acaia por todo o país, en coordinación coa II Deseucaliptización Simultánea que se organiza desde a rede de colectivos Cousa de Raíces. Así, para o sábado 8 de xuño convócanse rogas no monte do Calexón, en Valón (Doniños, Ferrol), na Área Conservada pola Comunidade de Froxán (Vila Cova, Lousame), no monte de Lentille (Cenlle), no monte veciñal en man común de Rebordelo (Cotobade) e no Monte Cambeiro (Corcubión).

En todos os casos as intervencións realizaranse pola mañá e as organizacións e persoas afitrioas ofrecerán un xantar de albaroque a todas as voluntarias participantes. O límite para anotarse en cada unha das intervencións é o mércores 5 de xuño, sendo imprescindíbel para planificar a loxística das accións e comidas. Desta volta, e polo carácter simultáneo das intervencións, cada brigadista (que ten que estar previamente inscrita como brigadista) debe anotarse antes da data límite directamente coas anfitrioas de cada unha das accións:

  • Doniños (Ferrol): Fernando, feryanezmarcelin@gmail.com
  • Froxán (Lousame): Iolanda, brigadas@verdegaia.org
  • Lentille (Cenlle): Paulo, paulovaamonde@gmail.com
  • Rebordelo (Cotobade): Jose, adegavigo@adega.gal
  • Amarelle (Corcubión): Fran, fransanlopez65@gmail.com

Serán en cada caso as anfitrioas locais as que confirmarán a inscrición, porán en contacto persoas de lugares próximos para compartir viaxe e darán as indicacións precisas sobre o punto e hora de encontro para o inicio dos traballos. Se ben as afitrioas achegarán a comida e a ferramenta, cada persoa deberá traer as súas luvas e agradécese que quen poida traer o seu propio machado ou fouce o faga 🙂

Estas accións simultáneas son posíbeis grazas á implicación das distintas entidades e persoas locais afitrioas: CMVMC de Froxán, Montescola, Asociación Veciñal de Lentille, CMVMC de Rebordelo e Fernando Martínez.

O Calexón en Valón (Ferrol)

O monte do Calexón atópase en Valón xusto na cabeceira do val de Doniños, dende o monte vese todo o val, o lago de Doniños e nos días claros mesmo as illas Sisargas, sen embargo é un área moi castigada polas repoboacións de eucaliptos, o abandono das actividades tradicionais e as obras de acceso ó porto exterior de Ferrol; pero á vez trátase dun lugar moi visible pola veciñanza da comarca por atravesalo a estrada que conduce ás praias de Doniños e san Xurxo, así como o camino vello de Valón á igrexa de Doniños, o que pode darlle máis repercusión e visibilidade á actuación das brigadas. A zona de intervención é unha parcela de titularidade privada de case 1 hectárea, na que se queren recuperar os valores ambientais e paisaxísticos. A acción consistirá en machacar rebrotes dos eucaliptos que xa foron retirados para realizar no próximo inverno unha plantación recuperando especies nativas.

O punto de encontro é o estacionamento do restaurante “El Gallo” en Valón ás 9:00 h, e dende aí iráse á
pé (5 minutos) ata a zona de intervención.

Área Conservada pola Comunidade de Froxán (Lousame)

Os traballos na Área Conservada pola Comunidade Local de Froxán, en Lousame, recoñecida como ICCA (Indigenous and Community Conserved Areas) polo programa das Nacións Unidas para o Ambiente, centraranse desta volta en consolidar a eliminación de rebrotes de eucalipto e arricando de novos eucaliptos nacidos de semente nun hábitat de bosque de ribeira. Nesta pequena zona coexisten os hábitats naturais prioritarios 5230* e 91E0* así como o hábitat 9230 e covas con importantes colonias de morcegos de ferradura, unha especie incluída no catálogo galego de especies ameazadas. Na mesma zona observáronse outras especies incluidas no mesmo catálogo, como Dryopteris guanchicaChioglossa lusitanicaRana ibericaSchistostega pennata, etc.

O punto de encontro é unha esplanada ao pé dun eucalipto perto da aldea ás 9:30 h, e dende aí iráse á
pé (10 minutos) ata a zona de intervención.

Montes de Lentille (Cenlle)

Botámonos novamente ao monte na aldea de Lentille, concello de Cenlle (Ribeiro) para atacar a invasión de mimosa (Acacia dealbata) que sofre a comarca, da man da Asociación Veciñal de Lentille. Nesta roga continuaranse os traballos iniciados nas intervencións de 2018 e 2019 tanto no monte comunal do lugar como en parcelas colindantes. A veciñanza está empeñada en recuperar os valores naturais da aldea así como o patrimonio cultural asociado como os canais e pozos de rego antigos e paisaxe de socalcos. A intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érvedos, etc.).

O punto de encontro é o estacionamento do Souto ás 9:30 h, e dende aí iráse á pé (10 minutos) ata a zona de intervención.

Montes de Rebordelo (Cotobade)

Na CMMC de Rebordelo no concello de Cerdedo-Cotobade, continuaranse cos traballos nunha nova roga que se centrará nunha área do territorio que sufriu o desastre ambiental da vaga de lumes de outubro de 2017. Continuaránse consolidando os traballos da roga anterior realizando a corta e retirada da madeira queimada, principalmente eucaliptos de pequeno porte e o control dos retoños dos mesmos. Tamén realizaremos tarefas de descasque nas masas próximas desta especie que non foron afectados polo lume, para progresivamente eliminala da zona.

O punto de encontro é a Casa do Pobo de Rebordelo ás 9:30 h, e dende aí iráse á pé (10 minutos) ata a zona de intervención.

Monte Cambeiro (Corcubión)

En setembro de 2018 a Asociación “Boca de Sapo” botouse ao monte para eliminar eucaliptos dunha parcela denominada “Monte Cambeiro”, actualmente de titularidade municipal. A parcela de 7.586 metros cadrados encóntrase no lugar de Amarelle, máis a apenas 250 metros da vila. “Boca de Sapo”, unha asociación eco-social e cultural, sen ánimo de lucro, está plenamente implicada na restauración e conservación ambiental dos espazos naturais de Corcubión eliminando os factores que supoñén unha ameaza á biodiversidade do bosque húmedo atlántico galego.

Os datos da intervención serán comunicados directamente polos organizadores.

Comments are Closed

© 2019: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress