6 e 13 de xullo: desacaciación en Lentille e restauración do entorno da Aula da Natureza de Froxán

Despois das 5 intervencións simultáneas do pasado 8 de xuño, as Brigadas deseucaliptizadoras prepáranse para dúas novas intervencións no mes de xullo: en Lentille (Cenlle) e Froxán (Lousame).

En Lentille, Cenlle (Ribeiro) imos novamente da man da Asociación Veciñal de Lentille para atacar a invasión de mimosa (Acacia dealbata) que sofre a comarca. Nesta roga continuaranse os traballos iniciados nas intervencións de 2018 e 2019 tanto no monte comunal do lugar como en parcelas colindantes. A intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érvedos, etc.). Será a última intervención no Ribeiro ata o mes de novembro, para evitar o periodo de proliferación da vespa velutina. O punto de encontro é o estacionamento do Souto ás 9:30 h, e dende aí iráse á pé (10 minutos) ata a zona de intervención. Para vos apuntar, é preciso enviar un correo electrónico ao Paulo ata (como moi tarde) o mércores 3 de xullo: paulovaamonde@gmail.com

En Froxán, Lousame (Barbanza) esta será unha roga ben especial, centrada na recuperación do entorno na Aula da Natureza da Área Conservada pola Comunidade Local de Froxán. Os traballos centraranse na conservación dun antigo edificio de 1940 que se está recuperando como centro de educación ambiental e da súa contorna, onde se continúa eliminando acacia negra (Acacia melanoxylon). Na parte da tarde teremos romaría no Chán de Avelán e un roteiro de recuperación da memoria histórica e ambiental da contorna. A hora de encontro son as 9:30 no punto que será anunciado. Para vos apuntar, é preciso enviar un correo electrónico a Iolanda ata (como moi tarde) o mércores 10 de xullo: brigadas@verdegaia.org

Vémonos no monte!!

Comments are Closed

© 2019: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress