Por un monte con futuro: plantación de árbores nativas en Froxán o 19-O e manifestación en Compostela o 20-O

Verdegaia é unha das entidades asinantes do Manifesto_Por_un_monte_con_futuro que, entre outras medidas en favor da biodiversidade e dos bosques nativos, demanda unha moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptus e un programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e doutras especies exóticasinvasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, ortensias, bambús, crocosmias, etc. Para dar visibilidade social a estas reivindicacións, as Brigadas deseucaliptizadoras fan un chamamento á mobilización na fin de semana do 19 e 20 de outubro.

Para o sábado 19 convocamos unha roga e albaroque moi especiais na Área Conservada pola Comunidade Local de Froxán, en Lousame, recoñecida como ICCA (Indigenous and Community Conserved Areas) polo programa das Nacións Unidas para o Ambiente. Na roga plantaremos máis dun milleiro de árbores nativas (carballos, bidueiros, castiñeiros, érvedos, etc.) nunha zona de 2 hectáreas das que se eliminaron eucaliptos en anteriores intervencións. Realizarase ademais unha intervención demostrativa sobre unha masa de Acacia negra (Acacia melanoxylon) para ilustrar as dificultades de eliminación desta especia. Como sempre, despois dos traballos colectivos no monte (roga), premiarase as brigadistas asistentes cun xantar de convivio (albaroquee aínda teremos disponíbeis as camisolas oficiais das Brigadas.

Os traballos en Froxán comezarán no monte ás 9:30 da mañá. Para participar nesta acción é necesario en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria de 19 de outubro mediante un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org Agradécese que nos notifiquedes se tendes algún requerimento alimentario especial para tentar que no albaroque haxa algo para vós. A data límite para apuntarse é o 16 de outubro para poder organizar ben a comida e demais loxística.

O domingo 20 sumámonos á manifestación “Por un monte galego con futuro” con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá. Coa mobilización demándase das administracións galega e estatal que aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade porque afonda nos efectos do cambio climático, incrementando ao mesmo tempo o número, extensión e virulencia dos incendios forestais.

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress