30-NOV: Mondariz Balneario Brigadista

A primeira actuación das Brigadas en Mondariz Balneario está convocada para o vindeiro sábado, 30 de novembro, coa plantación de 200 árbores autóctonas, todas fillas de castiñeiros e carballos centenarios da mesma vila. As arboriñas foron colleitadas hai un ano por Veciñas e veciños do Balneario en colaboración coa Asociación de Nais, Pais e Alumnos do Colexio público de Mondariz Balneario CEIP Nosa Señora de Lourdes.

A intervención manual nesta roga terá como obxectivo eliminar pequenas xestas e fento da parcela que rebrotaron dende as grandes vagas de incendios e plantar castiñeiros e carballos novos xunto con veciñas e veciños da vila, que poderán coñecer e comprobar de primeira man a efectividade do noso proxecto.

Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a  brigadas@verdegaia.org ata COMO MOI TARDE o día 28 de NOVEMBRO. Lembrade que as prazas son limitadas. O punto de encontro é o estacionamento do Cemiterio ás 9:30 h, e dende aí iremos á pé (10 minutos) ata a zona de intervención. Depois das primeiras horas de desbroce e preparación da parcela, ás 12.00 chegarán as familias convocadas na propia vila para sumarse á plantación. Varias destas familias ofrecéronse a cociñar para o albaroque dos brigadistas, con xantar que tamén inclúe opción vegana.

Lugar de encontro: Cemiterio de Mondariz Balneario https://goo.gl/maps/4gayhrwVPsYHeZvu9

Teremos aínda á disposición das Brigadistas activas exemplares da tirada limitada de camisolas en algodón ecolóxico. Se aínda non tendes a vosa e ides estar en Mondariz, lembrade de indicarnos a vosa talla no momento de vos apuntardes (S – M – L- XL – XXL) pois só poderemos levar o número xusto de camisolas de cada talla. Lembramos que as camisolas son totalmente gratuitas para as brigadistas activas, aínda que serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.
O noso obxectivo

Un grupo de veciñas de Mondariz Balneario, que vimos de participar nas Brigadas desde o principio, decidimos organizar un núcleo local e incorporar as parcelas da familia a este gran proxecto que sen presa, mais sen pausa, leva dende abril de 2018 organizando a luita polo futuro do noso monte en toda Galiza: as Brigadas deseucaliptizadoras.

Queremos, por un lado, facernos cargo da parte que nos toca directamente, como titulares das fincas, máis tamén animar a tantas outras veciñas e veciños que se atopan nas mesmas circunstancias. Como na inmensa maioría das vilas en todo o país, gran parte do monte de Mondariz está formado por parcelas familiares espalladas por diferentes puntos do concello que levan décadas semiabandonadas.

A día de hoxe os pequenos propietarios de parcelas, logo de varias xeracións de abandono progresivo do monte, descoñecemos a vexetación que as conforma ou o estado da terra. As máis das veces non sabemos nin dos propios lindes.

Houbo moitas familias que no seu momento comemos da mazá envelenada de ENCE, que prometía cartos a esgalla a unha poboación ignorante e absolutamente desinformada dos riscos que estaban a correr… Hai muitos anos que ninguén saca cartos, en tantas e tantas vilas como a nosa, dunha especie adaptada a climas alleos extremadamente secos que, a día de hoxe, avanza sen control e supón a principal ruína do monte e dos bosques de Galiza e Portugal.

Logo das últimas grandes vagas de incendios, co terror de tantos poboadores do rural que cada ano vemos como o lume avanza e xa asedia as propias vivendas, creceu a conciencia do problema entre moitas veciñas.

Estamos convencidas de que, no marco das Brigadas deseucaliptizadoras e a firme vontade de botarse ao monte e traballar, estamos a tempo de salvar o futuro do monte galego, así como o noso espacio como parte dunha Natureza que en definitiva é a casa de todas.

Sabemos que non hai solucións dende arriba e que calquera con vontade e ganas podemos participar e ser actores e actrices do noso futuro. Cada día somos máis brigadistas. Cada día hai máis iniciativas locais afíns crecendo e organizándose por todo o territorio galego. Queremos seguir avanzando, con máis forza aínda que acacias, eucaliptos e lume, e formar parte do principio do fin das invasoras na nosa fermosa vila, na nosa comarca, no noso país… Vivimos nunha terra privilexiada pola auga e o clima e non temos dereito a roubarlle ás xeneracións futuras a casa, a saúde, a vida…

Comments are Closed

© 2019: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress