15-F Plantación de frondosas nativas en Froxán

As Brigadas voltan á carga o próximo día 15 de febreiro na Área Conservada pola Comunidade Veciñal de Froxán (Lousame), plantando frondosas nativas (carballos, bidueiros, castiñeiros, nogueiras, aveleiras, etc.) nas zonas deseucaliptizadas en 2019. Parte dos traballos realizaranse na contorna da turbeira de Campo de Lamas seguindo un plan de xestión e recuperación ambiental que foi seleccionado como un dos catro casos piloto para a guía “Cómo planificar los proyectos de custodia para adaptarse al cambio climático”, e que podedes coñecer en detalle aquí.

Como sempre, ademais de estar previamente inscritas como brigadistas, para vos anotar para esta roga precisades enviar un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org até o dia 12 de setembro. Todas a brigadistas participantes deberán estar puntualmente en Froxán ás 9:30no punto de encontro habitual e finalizaremos ás 14:00 para gozar xuntas do xantar de ofrecido polas entidades anfitrioas de Montescola e a Comunidade Veciñal de Froxán. Lembrade que roga non se suspenderá en caso de chuva ou outras inclemencias: non existe tempo ruín, só roupa inadecuada.

Teremos aínda as últimas unidades da tirada limitada de camisolas feitas por Verdegaia en algodón ecolóxico. Lembramos que as camisolas son gratuitas para as brigadistas activas aínda que serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming. Vémonos no monte!

Comments are Closed

© 2020: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress