En marzo… plantamos en Coruxo o 1 e desacaciamos no Hío o 7!

Chega a semana deseucaliptizadora de marzo con intervencións en Coruxo (Vigo) e no Hío (Cangas). Non será a última do mes! Ide apuntando Lentille (Ribeiro) para o día 21!

CORUXO 1 de MARZO

domingo 1 de marzo achegarémonos novamente ás ribeiras do regato do Pontón, coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Coruxo, que desenvolve unha intensa actividade de restauración ambiental do seu territorio. Agora que a invasión de eucaliptos -que cubrían inicialmente este lugar- está a ser controlada, continuaremos o labor de recuperación coa plantación de diversas especies de árbores autóctonas. Pasiño a pasiño, e coa axuda de tod@s, iniciamos a transformacióndunha zona degradada polos efectos do lume e por décadas de monocultivo de eucalipto nun auténtico bosque, rico e biodiverso.

Quedamos ás 9:30h no local social da Comunidade de Montes de Coruxo (https://goo.gl/maps/51xzoVUhszMtqCAK7). Se podes traer unha sacha ou laia, será de moita axuda. Unha vez finalicemos a actividade, en torno ás 13:30h, reporemos forzas cun merecido xantar ao que estades tod@s convidad@s.

Podes anotarte contactando a través do whatsapp co número de teléfono 653904642, facéndonos saber se ficas a xantar.

@s menores de 16 anos deberán vir acompañad@s dunha persoa adulta; se teñen entre 16 e 18 anos abondará coa autorización da nai, pai ou titor/a legal.

As prazas cubriranse por orde de inscrición ata o venres 28 de febreiro, cando pecharemos as listas.

DUNAR DE NERGA (O HÍO)  7 de MARZO

A Comunidade de Montes Veciñais do Hío (Cangas) convocan a súa primeira intervención en colaboración coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia o sábado 7 de marzo.

Imos arrincar e descascar acacias na zona dunar de Nerga, no LIC Costa da Vela, un traballo que dividiremos en grupos nas que unhas arrancarán novas prantas e outras serán descascadas, outro grupo encargarase tamén da retirar unhas Erbas da Pampa, para o que precisaremos que traiades luvas e machada se dispoñedes dela, de todos xeitos teremos algunha para quen non dispoña dela.

Lugar de encontro: Aparcamento de Nerga. Achegamos a localización:

https://www.google.es/maps/place/Aparcamento+Praia+de+Nerga/@42.2568765,-8.8329991,19z/data=!4m5!3m4!1s0xd2f608254feddcd:0x445859daac9546e7!8m2!3d42.2568824!4d-8.833679

Horario: 10:00 h exposición do plan de traballo e reparto de grupos e tarefas. 13:30 h fin da xornada.

Para participar precisades estar dadas de alta como brigadistas e anotarvos ata o día 3 de marzo enviando un email á Comunidade de Montes do Hío no correo: montesdohio@gmail.com

As accións das Brigadas deseucaliptizadoras e desacaciadoras, cun non menos importante sentido de confraternidade e comunidade, articúlanse por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal de agradecemento ás voluntarias). A Comunidade de Montes do Hío ofrecerá ó rematar a xornada un pequeno albaroque para as persoas voluntarias que veñan de fóra do Morrazo, que inclúe opción vexetariana para as persoas que se anoten nesa opción. Haberá garrafas grandes de auga, pero para aforrar envases invitamos a que cada persoa traia da casa a súa garrafa, que poderá reencher coas nosas.

Outras recomendacións: Traede roupa e calzado cómodo para traballar no monte, luvas, pantalón longo e roupa de auga se fose preciso. Aínda que imos ter algunhas machadas e luvas, agradeceremos que no posible traiades as vosas da casa.

Queremos convidar a todas as veciñas e veciños do Morrazo que se queiran achegar, mais tamén a brigadistas doutros lugares a traballar connosco e liberar o noso monte dunha especie foránea adaptada a climas alleos extremadamente secos que, a día de hoxe, avanza sen control e supón unha ameaza non so para o monte senón para os ecosistemas dunares.

Estamos convencidas de que, no marco das Brigadas deseucaliptizadoras e a firme vontade de botarse ao monte e traballar, estamos a tempo de salvar o futuro do monte galego, así como o noso espazo como parte dunha natureza que, en definitiva, é a casa de todas e todos.

Sabemos que non hai solucións dende arriba e que calquera con vontade e ganas podemos participar e ser actores e actrices do noso futuro. Cada día somos máis brigadistas. Cada día hai máis iniciativas locais afíns crecendo e organizándose por todo o territorio galego. Queremos seguir avanzando, con máis forza e rexenerar os nosos ecosistemas, da nosa comarca, no noso país… Vivimos nunha terra privilexiada pola auga e o clima e non temos dereito a roubarlle ás xeracións futuras a casa, a saúde, a vida…

VÉMONOS NO MONTE!

Comments are Closed

© 2020: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress