21M: A polas acacias en Lentille!

O sábado 21 de marzo e no marco das Xornadas de Voluntariado Ambiental de Lentille que organizan os nosos parceiros habituais da Asociación Veciñal de Lentille volvémonos botar ao monte para combater a invasión de mimosa (Acacia dealbatA) que sofre a comarca.

Nesta roga continuaranse os traballos que se veñen desenvolvendo desde 2018 nun monte particular que xa ven paseniño repoboándose con árbores frondosas autóctonas. Tamén traballaremos na limpeza e habilitación de camiños veciñais comestos pola praga da mimosa. A intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érvedos, etc.).

Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a avlentille@gmail.com ata COMO MOI TARDE o día 17 de Marzo.

Coma sempre, o punto de encontro é o estacionamento do Souto ás 9:30 h, e dende aí iráse á pé (10 minutos) ata a zona de intervención.

Remataremos os traballos por volta das 14:00 e faremos o albaroque. Non podemos concretar aínda o menú mas haberá opción vegana s e incluirá algunha especialidade (crema, lasagna…) con estrugas locais de temporada.

Ás 16:30 despois da sobremesa teremos o privilexio de contar coa presenza de Lolo Andrade, técnico especialista de Protección Civil, experto en pragas, e auténtica eminencia no combate contra a praga da Vespa Velutina. Na súa palestra interactiva mostraranos en detalle as características desta praga, explicaranos o que podemos facer desde o voluntariado ambiental para contribuirmos a controlar a sua proliferación, e enfatizará nas medidas de seguridade e protocolos ante incidencias coa velutina que debemos adoptar no desenvolvemento dos traballos das Brigadas, así coma en calquera traballo agrícola ou forestal.

Para rematar a xornada, contra as 19:00, a proposta é desprazármonos ás termas de Prexigueiro (15 minutos desde Lentille ) e pór a remollo os corpiños cansos nas súas augas de probadas cualidades relaxantes e terapéuticas.

As Xornadas de Voluntariado Ambiental de Lentille terán continuidade o domingo 22, Dia Mundial da Auga, cunha outra actividade de voluntariado que consistirá na limpeza e recuperación de fontes e minas de auga na aldea e que convocará os socios da AVL mas na que tamén será benvido calquera brigadista se ten interese en participar.

VÉMONOS NO MONTE!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress