Mans á masa! Deseucaliptización e bioconstrución en Froxán o domingo 19

Logo do éxito da xornada deseucaliptizadora (e primeira pós-confinamento) de 21 de xuño, este domingo 19 de xullo as Brigadas voltan á Área Conservada pola Comunidade de Froxán (Lousame) para unha deseucaliptización en toda regra, na que tumbaremos e retiraremos os pés de eucalipto que están a invadir unha zona de carballeira.

Na parte da tarde, logo do albaroque, haberá un obradoiro de bioconstrución para aprender a tabicar en barro e palla. O obradoiro é apenas para as brigadistas participantes e organízase xunto coa Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins que deste xeito celebra a 4ª edición (especial) da súa xa tradicional Romaría da Coluna Sanfins.

Na roga traballaremos en pequenos grupos de 6 persoas separados entre sí (cada un deles cunha persoa motoserrista) e mantendo as distancias persoais. Gozaremos do albaroque no propio monte. Enviaremos instrucións máis precisas sobre o que precisais traer (luvas, copo, garfo, garrafa) ás que debemos atender para que todo corra ben.

Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE o día 16 de xulloAs prazas son limitadas e inscribirémosvos por orde. Se non estades seguras de que poderdes vir, por favor deixádeo para a próxima.

VÉMONOS NO MONTE!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress