5-Dec: Mondariz Balneario Brigadista

A segunda actuación das Brigadas en Mondariz Balneario está convocada para o vindeiro sábado, 5 de decembro, coa plantación de 150 árbores autóctonas, todas fillas de castiñeiros e carballos centenarios da mesma vila. Asimesmo, pelaremos as cortizas dun foco de mimosa para secalas e frear o avance desa gran inimiga invasora do monte galego.

A intervención manual nesta roga terá como obxectivo o secado dun foco de mimosa preto da fonte de Troncoso para que non vaia a máis e plantar castiñeiros e carballos novos xunto con veciñas e veciños da vila, que poderán coñecer e comprobar de primeira man a efectividade do noso proxecto. Aguas de Mondariz, propietaria da parcela, fíxose cargo da limpeza de xesta, silveira, fento e toxo que invadían o terreo para despexar o traballo da brigada, que unicamente se ocupará da plantación, así como do secado de mimosa.

Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a ester.outr@gmail.com ata COMO MOI TARDE o día 3 de DECEMBRO. Lembrade que as prazas son limitadas. O punto de encontro é o estacionamento do Cemiterio ás 10:00 h, e dende aí iremos a pé (10 minutos) ata a zona de intervención, xunto coas persoas convocadas na propia vila para sumarse á plantación. O albaroque dos brigadistas está supeditado á actual pandemia, con xantar que tamén inclúe opción vegana presentado en racións individuais. Por suposto, tomaremos as medidas de seguridade dictadas perante a situación actual de alarma.

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

Lugar de encontro: Cemiterio de Mondariz Balneario https://goo.gl/maps/4gayhrwVPsYHeZvu9

O noso obxectivo

Un grupo de veciñas de Mondariz Balneario, que vimos de participar nas Brigadas desde o principio, decidimos organizar un núcleo local e incorporar as parcelas da familia a este gran proxecto que sen présa, mais sen pausa, leva dende abril de 2018 organizando a luita polo futuro do noso monte en toda Galiza: as Brigadas deseucaliptizadoras.

Queremos, por un lado, facernos cargo da parte que nos toca directamente, como titulares das fincas, máis tamén animar a tantas outras veciñas e veciños que se atopan nas mesmas circunstancias. Como na inmensa maioría das vilas en todo o país, gran parte do monte de Mondariz está formado por parcelas familiares espalladas por diferentes puntos do concello que levan décadas semiabandonadas.

A día de hoxe os pequenos propietarios de parcelas, logo de varias xeracións de abandono progresivo do monte, descoñecemos a vexetación que as conforma ou o estado da terra. As máis das veces non sabemos nin dos propios lindes.

Logo das últimas grandes vagas de incendios, co terror de tantos poboadores do rural que cada ano vemos como o lume avanza e xa asedia as propias vivendas, creceu a conciencia do problema entre moitas veciñas. Agradecemos a Aguas de Mondariz o apoio incondicional e o gran interese polo noso proxecto, que se materializa incorporando a parcela desta brigada e facéndose cargo das labores de desbroce e preparación do terreo. Esperamos seguir colaborando no futuro coa mesma ilusión.

Estamos convencidas de que, no marco das Brigadas deseucaliptizadoras e a firme vontade de botarse ao monte e traballar, estamos a tempo de salvar o futuro do monte galego, así como o noso espacio como parte dunha Natureza que en definitiva é a casa de todas. Así, en novembro de 2019 emprendemos a primeira brigada na vila, que felizmente superou as nosas expectativas de convocatoria. Gracias o esforzo das brigadistas xa hai unha carballeira máis prendida e crecendo sen pausa para abrigar o noso pobo. Esta segunda brigada, un ano depois, poderá comprobar o fruito exitoso daquela primeira e seguir avanzando na recuperación do espacio que nunca debemos roubarlles ás nosas valiosísimas especies nativas.

Sabemos que non hai solucións dende arriba e que calquera con vontade e ganas podemos participar e ser actores e actrices do noso futuro. Cada día somos máis brigadistas. Cada día hai máis iniciativas locais afíns crecendo e organizándose por todo o territorio galego. Queremos seguir avanzando, con máis forza aínda que acacias, eucaliptos e lume, e formar parte do principio do fin das invasoras na nosa fermosa vila, na nosa comarca, no noso país… Vivimos nunha terra privilexiada pola auga e o clima e non temos dereito a roubarlle ás xeneracións futuras a casa, a saúde, a vida…

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

En caso de dúbida pódese consultar:
– A noticia en Verdegaia: http://www.verdegaia.org/wp/verdegaia-colabora-coa-moeda-social-galega-a-sabia/
– A web da Sabia: https://asabiagalega.wordpress.com/
– Consultar en: compostela@verdegaia.org

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress