Froxán: roga o 19 de febreiro

Por razóns de última hora, adiouse a roga prevista para este sábado 19 de febreiro en Lentille, e no seu lugar, organizarase no mesmo día unha intervención na Área Conservada pola Comunidade de Froxán (Lousame) para consolidar unha plantación de frondosas nativas. Contamos con ter tempo bo e solleiro con benzón da superioridade 😉

A roga comezará ás 09:45 da mañá e teremos como punto de encontro a encrucillada chamada “Cruz da Armada“. O lugar dos traballos está a uns 300 metros.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE este xoves día 17 de febreiro.

As prazas son limitadas e inscribirémosvos por orde. Por favor, inscríbite só se podes vir. Se aínda non tes a túa camisola de brigadista, lembra de avisarnos da túa talla no email para que che teñamos unha reservada. Avísanos tamén en caso de restricións alimentarias.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

VÉMONOS NO MONTE!

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress