Deseucaliptización no Monte Fontelo (Monte do Estado), Ferrol, o 28 de maio

Boas, brigadistas! Logo da primeira e exitosa actuación que tivo lugar en xaneiro, volven as Brigadas ao Monte Fontelo (tamén coñecido como Monte do Estado, por ser titularidade da base naval da Graña), o próximo sábado 28 de maio.

De novo, por iniciativa das AVV de Brión e San Felipe, coa colaboración das Asociacións Betula e Xeración, continuaremos cos traballos para consolidar unha das mellores fragas autóctonas do concello de Ferrol, con espectaculares vistas sobre a ría.

Ante o perigo que supón para a súa continuidade e a rexeneración natural da fraga a cantidade de rebrotes de eucalipto e novos eucaliptos de semente, as asociacións convocantes obtiveron novamente permiso de actuación dos titulares do monte.

Na xornada do sábado 28 actuaremos na zona do cume do monte, nos bordes da fraga, onde os miles de pequenos eucaliptos de semente ameazan con substituír o monte baixo e impedir a continuidade visual sobre o conxunto da ría. As persoas participantes deberán traer roupa axeitada e luvas de traballo. Debido ao pequeno tamaño da maioría dos eucaliptos de semente non vai facer falta moita ferramenta, xa que a maioría arríncanse coa man. Mesmo así, por se algún se resistise, a organización levará machados e sachos, que estarán á disposición das persoas voluntarias, que obviamente poden traer tamén a ferramenta que consideren oportuna.

A área de traballo non ten pendente nin dificultade algunha polo que é unha xornada apta para persoas de calquera capacidade física ou con pouco afeitas ao traballo no monte,  así como crianzas e maiores.

O punto de encontro onde deixar os coches será no cruce da Cheira de Brión ás 9:00 h da mañá:

https://www.google.com/maps/@43.4784016,-8.2730547,16z

Coordenadas: 43.478441, – 8.275801

Para apuntarse é imprescindible, ademáis de estar inscrit@ como brigadista, mandar confirmación ao correo feryanezmarcelin@gmail.com (como moi tarde o 26 de maio inclusive) para facilitar o labor de coordinar á cantidade de xente participante.

Despois da actuación, sobre as 14:00 h a organización convidará ás persoas participantes a un xantar colectivo na AVV de Valón. Para iso, cada persoa terá que traer o seu propio vaso, prato e cubertos. Quen teña algún tipo de restricción alimentaria que avise no momento de apuntarse.

Agradécese a difusión desta convocatoria entre os vosos contactos.

VÉMONOS NO MONTE!

2 Commentsto Deseucaliptización no Monte Fontelo (Monte do Estado), Ferrol, o 28 de maio

  1. […] imposible sin la colaboración de 5 asociaciones tan diferentes» como son Betula, Xeración, Brigadas Deseucaliptizadoras y las asociaciones vecinales de Brión y San Felipe-San […]

  2. […] asociaciones y organizaciones sin ánimo de lucro como Verdegaia, las Brigadas Deseucaliptizadoras y Betula luchan por evitar su crecimiento en los montes de […]

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress