30 de outubro: continúa a deseucaliptización en Vila Cova

As Brigadas voltan a deseucaliptizar o próximo domingo 30 de outubro na Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Vila Cova, en Lousame. A roga estará centrada na eliminación de rebrotes de eucalipto nunha zona de varias hectáreas nas que a Comunidade suprimiu os eucaliptos existentes. No inverno, darase continuidade aos traballos cunha plantación de frondosas.

O punto e hora de encontro será ás 09:00 da mañá no Campo de Fútbol de Vila Cova (https://goo.gl/maps/UNN8zpEpCRCEipJE9), situado ao pé da igrexa parroquial. Desde alí agruparémonos nos vehículos para subir ata as proximidades da zona de intervención. É importante estardes puntualmente ás 9:00, pois do contrario será difícil orientarvos para chegar ao punto de traballos.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a brigadasvilacoba@gmail.com ata COMO MOI TARDE o xoves 27 de outubro. Lembrade que desde a conta de correo desde a que se envían as convocatorias non se xestionarán incricións.

Na parte da tarde continuaremos cos obradoiros de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versarán sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.

As prazas son limitadas e inscribirémosvos por orde. Por favor, inscríbite só se podes vir. Se aínda non tes a túa camisola de brigadista, lembra de avisarnos da túa talla no email para que che teñamos unha reservada. Avísanos tamén en caso de restricións alimentarias

 

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

Colabora co Teaming

Lembramos que tamén se pode colaborar coas Brigadas con 1€/mes a través da Plataforma Teaming das Brigadas.

Comments are Closed

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress