Archives

now browsing by author

 

28 de abril: comezamos a deseucaliptizar Baroña (Porto do Son)

A actividade forma parte da iniciativa Laboratorio Ecosocial do Barbanza

As Brigadas deseucaliptizadoras arribamos á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña (en Porto do Son) da man fo proxecto do Laboratorio Ecosocial do Barbanza do que fai parte Montescola e organizará diversas actividades de voluntariado na comarca ao longo do próximo ano e medio.

A primeira intervención será o domingo 28 de abril de 9:30 a 14:00, na que machacaremos rebentos de eucalipto de xeito manual. Celebraremos o tradicional xantar de albaroque no local da Comunidade (que tambén será o punto de saída para a zona de traballos). Na parte da tarde, convidámosvos a coñecer a Praia de Baroña co seu monumental castro (pouca xente sabe que boa parte da zona arqueolóxica é parte do monte veciñal!).

A actividade está aberta a todos os públicos e a todas as idades e debedes apuntarvos até o xoves 25 de abril enviando un email a info@montescola.org Pídese compromiso de participación para quen se inscriba para non malgastar recursos valiosos á hora de encomendar a comida.

VÉMONOS NO MONTE !!!

A tua doazón conta!

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

14 de abril: desacaciación e plantación de frondosas en Froxán (Lousame)

Comezamos a tempada de eliminación de especies exóticas invasoras en Froxán con unha desacaciación acompañada da plantación dos últimos pradairos que temos deste inverno. A acción terá lugar na mañá do domingo 14 de abril, con previsión solleira, e forma parte das actividades do Laboratorio Ecosocial do Barbanza do que fai parte Montescola.

A actividade está aberta a todos os públicos e a todas as idades. Ademais de aprender a descascar acacia (spoiler aquí), faremos poda de frondosas e plantaremos medio cento de pradairos nunha zona na que se ven traballando para eliminar especies invasoras e recuperar a biodiversidade. Partiremos para a zona de traballos desde Froxán ás 9:30.

Podedes apuntarvos  até o venres 12 de abril enviando un email a info@montescola.org

Ofrecerase o tradicional xantar de albaroque ao finalizar os traballos.

VÉMONOS NO MONTE !!!

30 de marzo: última plantación de castiñeiros do ano en Froxán (Lousame)

Montescola organiza unha nova plantación de castiñeiros na Área Conservada pola Comunidade de Froxán, en Lousame, para o sábado 30 de marzo. Coa plantación búscase crear un cortalumes verde como parte das actividades do proxecto “Comunidade Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático”, no que participa Montescola.

A plantación do sábado día 30 está aberta a todos os públicos e a todas as idades e nela plantaremos castiñeiros nunha zona na que se está combatindo a presenza de acacia. Partiremos para a zona de traballos ás 9:30. En paralelo organizaremos un obradoiro de poda forestal. Podedes apuntarvos  até o xoves 28 de marzo enviando un email a info@montescola.org

Ofrecerase o tradicional xantar de albaroque ao finalizar os traballos.

VÉMONOS NO MONTE !!!

3-M e 9-M: Novas plantacións de árbores frondosas en Froxán (Lousame)

As plantacións forman parte do proxecto “Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático”, no que participa Montescola

Montescola convoca dúas novas plantacións de árbores frondosas autóctonas na Área Conservada pola Comunidade de Froxán, en Lousame, para o domingo 3 de marzo e o sábado 9 de marzo. Coas plantacións búscase crear un cortalumes verde como parte das actividades do proxecto “Comunidade Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático”, no que participa Montescola.

A plantación do domingo 3 está pensada para crianzas e as súas familias, e comezará ás 10 da mañá, tendo prevista a ecolóxica presenza das criaturas do bosque que ofrecerán a súa apócema ao final. As prazas son limitadas e agradecémosvos confirmar a vosa participación indicando número de crianzas e adultas até este venres día 1 enviando un email a info@montescola.org

A plantación do sábado día 9 está aberta a todos os públicos e a todas as idades e nela plantaremos castiñeiros nunha zona na que se está combatindo a presenza de acacia. Partiremos para a zona de traballos ás 9:30. En paralelo organizaremos un obradoiro de poda forestal. Podedes apuntarvos no mesmo email até o xoves 7 de marzo. Nesta intervención, ofrecerase o tradicional xantar de albaroque ao finalizar os traballos.

En ningún dos dous casos se suspendará a xornada en caso de chuva, así que apuntádevos só se tedes roupa de augas 😉

VÉMONOS NO MONTE !!!

 

2 de marzo: Roga simultánea de eliminación de especies invasoras en Lentille e Ferrol

Marzo comeza con dúas rogas simultáneas o sábado día 2 en Ferrol e Lentille, é a túa escolla, mais non podes faltar!

LENTILLE (O RIBEIRO)

A Asociación Veciñal de Lentille convoca as Brigadas Desacaciadoras para unha nova actuación de control de mimosa (Acacia dealbata) na aldea o sábado 2 de Marzo. Desta volta  comezaremos retirando e organizando a ramallada que ficara estrada da última convocatoria e que as constantes chuvias do inverno non permitiran retirar nin queimar. Tamén insistiremos en liberar camiños invadidos pola mimosa.

Para vos apuntardes é imprescindible (alén de estardes inscritos como brigadistas) remitir un email para avlentille@gmail.com até o 28 de Febreiro a máis tardar, comprometendo asistencia.

O punto de encontro será o habitual no Souto e desde alí repartirémonos en grupos e endereitaremos cara as áreas de traballo. Teredes que estar alí ás 9:30 puntualmente.

Disporemos auga fresca e uns petiscos a media mañán con café, froita e unhas madalenas. Remataremos contra as 14:00 pra xantarmos. O albaroque acontecerá na terraza do Cabildo se o clima concorda, e se non habilitaremos o garaxe.

MONTES DO CHÁ (FERROL)

A Asociación Comuneiros do Chá convócanos a erradicar os pés de Helichrysum petiolare que ameazan invadir unha zona repoboada e outra de pasto dos cabalos. O helicrysum petiolare é unha especie orixinaria de Sudáfrica, trátase dun arbusto ramoso e gabeador que afoga toxeiras e mesmo especies arbóreas formando masas monoespecíficas e que na boca da ría de Ferrol hai anos que constitúe un problema ambiental de primeira magnitude ante a pasividade das administracións.

A técnica de erradicación é sinxela e básicamente manual polo que é moi importante que as persoas voluntarias traian luvas preferentemente de coiro pois no terreo hai brotes de toxos mesturados cos helichrysum a erradicar. Se alguén prefire usar sacho pode traelo ou usar os que a organización poñerá á disposición d@s voluntari@s.

Trátase dun traballo sinxelo nun terreo de pouca pendente e desbrozado (nalgunhas zonas recentemente e noutras hai dous anos) polo que a xornada é perfectamente apta para crianzas e persoas maiores. Se hai tempo faranse labores de mantemento de plantacións de anos anteriores e un roteiro polas mámoas do monte e o recinto dos cabalos.

O punto de encontro será ás 9:30 h no Viso (Entre san Cristobal e Martín) hai unha explanada onde deixaremos os coches, fronte a ela un camiño que sube ó Chá e a 500 m comeza a zona de actuación.

Para apuntarse é imprescindible, ademáis de estar inscrit@ como brigadista  mandar confirmación ó correo comunidademontesdocha@gmail.com  antes do xoves 29 de febreiro.
Tras a actuación sobre as 14:00 h a organización convidará ás persoas participantes a un xantar colectivo na AV de Valón, para iso cada persoa deberá traer o seu propio vaso, plato e cubertos, quen teña algún tipo de restricción alimentaria que avise no momento de apuntarse.

VÉMONOS NO MONTE !!!

A tua doazón conta!

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

O exemplo de actuación das Brigadas nun novo artigo de investigación no libro Wattles: Australian Acacia Species Around the World

A publicación Wattle: Australian Acacia Species Around the World publicado en 2023 e dirixido por David M. Richardson, Johannes J. Le Roux, e Elizabete Marchante recolle o artigo Management of Invasive Australian Acacia Species: Contributions from Citizen Science, Volunteer Groups and Public Awareness Raising da autoría de Hélia Marchante, Nolwethu Jubase-Tshali, Aníbal Pauchard, David M. Richardson, e Elizabete Marchante.

O libro ofrece unha visión xeral do coñecemento actual sobre máis de 1000 especies de árbores e arbustos do xénero Acacia, a maioría nativas de Australia. Examina a bioloxía, a ecoloxía, a evolución e a bioxeografía das acacias nas súas áreas nativas, incluíndo as forzas evolutivas que impulsaron a especiación e a adaptación pasadas a diversos ambientes, o estado de conservación, os usos e as percepcións humanas destas especies. Considera diferentes historias de introducións e proliferación como especies exóticas en diferentes partes do mundo desde 1850, situados dentro de contextos políticos, socioeconómicos e científicos relevantes, xunto cunha análise de como cambiou a conciencia dos seus impactos como especies invasoras ao longo do tempo. Revísanse as diferenzas nas dinámicas e tendencias asociadas á introdución, naturalización e invasión en diferentes partes do mundo. O libro tamén sintetiza a distribución global das acacias utilizando diversas fontes de datos, xunto con tendencias, patróns e proxeccións dos usos globais das especies de acacias. Analiza a xenética, as interaccións bióticas e os impactos ecolóxicos, económicos e sociais das acacias invasoras.

O artigo en concreto, citado nesta nova, recolle traballos de ciencia cidadá, traballo de sensibilización realizada por entidades públicas e voluntariado sobre a xestión de especies do xénero Acacia. Cita o proxecto de intervención organizado por Verdegaia desde 2018 coa posta en marcha das Brigadas Deseucaliptazadoras e Desacaciadoras como intervención cívica en áreas forestais de alto risco de incendio co control de especies exóticas invasoras como as acacias.

Podes ler o artigo completo nesta ligazón.

 

 

A Universidade das Nacións Unidas recoñece o proxecto Vemo-nos no Monte!

A Universidade das Nacións Unidas recoñeceu en 2023 o proxecto Vemo-nos no Monte! Educación para a Prevención, Control e Educación sobre Especies Invasoras, como “buque insignia” (flagship) dos proxectos educativos innovadores da Global RCE Network de educación para o desenvolvemento sustentábel.

Vemo-nos no Monte! foi un proxecto transfronteirizo realizado durante 18 meses, entre os anos 2022 e 2023, levado a cabo pola Fundación Montescola, a Fundación CEER (Centro de Estudos Euro rexionais Galicia-Norte de Portugal) e a asociación portuguesa À Escuta, co apoio das Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia.

Actividades realizadas dentro do proxecto.

 

 

11 de Febreiro: Entroido deseucaliptizador en Froxán (Lousame)

11 de febreiro: frondosas e filloas en Froxán

No domingo de entroido plantaremos varios centos de castiñeiros, pradairos, sobreiras, ameneiros e freixos no Chán de Avelán, nunha zona na que xa eliminamos o eucalipto e acacia en 2023 e que foi adquirida pola Fundación Montescola co apoio da Deputación da Coruña para a súa rexeneración ambiental e conservación.

A xornada comezará ás 9:30 e convidámosvos a virdes con roupa apropiada para tan asinalada data. Para o xantar de albaroque teremos as célebres filloas de Carmucha. Tamén continuaremos cos traballos de recuperación da Taberna da Revolta Nova, futuro punto de encontro das Brigadas. O punto de encontro será o estacionamento do “Quartel da Revolta” no Chán de Avelán, aonde se pode chegar seguindo as indicacións ao Museu Mineiro San Finx. O lugar da intervención está a poucos metros. Na zona hai tamén un parque infantil.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE o xoves día 8 de febreiro. Por favor, inscríbite só se podes vir.

VÉMONOS NO MONTE!

A tua doazón conta!

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

3 de Febreiro: Entroido deseucaliptizador en Mondariz-Balneario

3 de febreiro: descascado, roza e plantación

As Brigadas voltan a Mondariz-Balneario o 3 de febreiro para actuar sobre unha parcela de titularidade pública, aínda sen reclamar como mancomún. O obxectivo é continuar coas rogas anteriores: toxo e gromos de eucalipto aproveitaron ben as choivas para avanzar, así com un foco de mimosa. Seguiremos co descascado, roza e tratamento contra a mimosa, ademais dunha primeira plantación de bidueiras.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a ester.outr@gmail.com até COMO MOI TARDE o xoves 1 de febreiro. Lembrade que as prazas son limitadas. O punto de encontro é o estacionamento do cemiterio ás 9:30 h. *Se alguén se perde perto de Mondariz, podedes chamar a un dos anfitrións locais (Xacobo): 666858178.

Lembramos ás brigadistas que traian roupa e calzado axeitados para a choiva e o exceso de toxo; luvas, copo, prato e cubertos propios. O albaroque tamén inclúe opción vegana e daremos máis datos unha vez inscritas.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE o xoves día 8 de febreiro. Por favor, inscríbite só se podes vir.

VÉMONOS NO MONTE!

A tua doazón conta!

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

17 de decembro: a deseucaliptización continúa en Froxán

Logo de varios conatos polo mal tempo neste outono, o domingo 17 de decembro volta a deseucaliptización en Froxán. Estaremos no Chán de Avelán, onde acabaremos de eliminar eucalipto nunha zona de bosque de ribeira adquirida pola Fundación Montescola co apoio da Deputación da Coruña para a súa rexeneración ambiental e conservación (a da fotografía que aparece neste email). Esperamos deixar a zona pronta para plantar en xaneiro e febreiro, e faremos por plantar xa algúns pes pola beira do río.

A xornada, que esta vez esperamos que sexa solleira, comezará ás 9:30. Aplicaremos a técnica de descasque en tocóns e comezaremos os traballos de recuperación da Taberna da Revolta Nova, futuro punto de encontro das Brigadas.

O punto de encontro será o estacionamento do “Quartel da Revolta” (hoxe “Restaurante”) no Chán de Avelán, aonde se pode chegar seguindo as indicacións ao Museu Mineiro San Finx. O lugar da intervención está a poucos metros. Na zona hai tamén un parque infantil.

Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistasenviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE o mércores día 14 de decembro. Por favor, inscríbite só se podes vir.

Sendo a última roga do ano, lembrámosvos que podedes facer unha doazón recorrente de 1 euro mensual a través de Teaming. A doazón supón unha deducción no IRPF do 80%, polo que para que che desgrave na declaración no próximo ano non deixes de facer a túa doazón antes de acabar o mes.

Se aínda non tes a túa camisola de brigadista, lembra de avisarnos da túa talla no email para que che teñamos unha reservada. Avísanos tamén en caso de restricións alimentarias.

VÉMONOS NO MONTE!

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress