Xuño, 2018

now browsing by month

 

8 de xullo, as Brigadas súmanse á restauración do Monte de Padróns

As Brigadas Deseucaliptizadoras veñen de sumarse ao proxecto de restauración ambiental do monte veciñal en man común de Padróns, en Ponteareas, gravemente afectado polos lumes do pasado ano. Aínda que veciñas e veciños e voluntariado de fóra da parroquia veñen actuando xa de forma continuada, a primeira participación das Brigadas está programada para o domingo 8 de xullo e limitada a 10 efectivos por cuestións de loxística. Para se apuntar, compre enviar un correo electrónico ao enderezo das Brigadas.

Organizados por quendas e tarefas, veciños e veciñas das Cortellas traballan para restablecer o patrimonio natural e reparar as feridas causadas polo lume. A primeira medida urxente foi espallar palla polo monte nas zonas que máis posibilidades tiñan de erosion, facendo fincapé nas pendentes grandes e sen vexetación que quedaron desprotexidas. O segundo paso foron os traballos de limpeza parar preparar, co que se foi cortando, distintas liñas de nivel de contención buscando o nivel de pendente para impedir que baixara a terra. Posteriormente, realizáronses traballos de plantación de árbores autóctonas como bidueiros, carballos, castiñeiros, loureiro e árbores froiteiras salvaxes que, agora, ocupan algunhas zonas dos montes queimados. As brigadistas centraranse o próximo día 8 en “descubrir” as árbores que se plantaron no pasado inverno e que xa están tapadas polo fento e entutoralas (con caña de bambú que levaremos nós o día antes).

Este proxecto naceu dunha reunión de veciños que se convocou despois dos lumes de outubro de 2017 para falar de qúe podían facer os veciños para axudar ó monte. Nesta reunión acordouse entre outras cousas subir ó monte o último domingo de cada mes para facer traballos voluntarios. Dende aqueles inicios ata o de agora, foron quen de estender palla nunha gran superficie, talar zonas de pino e eucalipto que quedaban cerca das casas, repoboar estas zonas e outras con frondosas autóctonas, organizar o festival “Música polo noso Monte” (que foi un auténtico éxito) para recaudar fondos, arreglar camiños, facer cortafogos verdes, un viveiro propio, actividades cos nenos,  organizar cursos relacionados co sector ambiental, etc…

 

7 de xullo, continuamos deseucaliptizando Froxán

O sábado 7 de xullo continúan os traballos dedeseucaliptización (e desta volta tamén desacaciación) na Área Conservada pola Comunidade Veciñal de Froxán, en Lousame. Desta volta os traballos centraranse na eliminación de rebotes de eucalipto nunha zona de bosque de ribeira na que cortaron eucaliptos e plantaron frondosas no verán e outono do ano pasado. Nesta pequena zona coexisten os hábitats naturais prioritarios 5230* e 91E0* así como o hábitat 9230 e covas con importantes colonias de morcegos de ferradura, unha especie incluída no catálogo galego de especies ameazadas. Na mesma zona observáronse outras especies incluidas no mesmo catálogo, como Dryopteris guanchica, Chioglossa lusitanica, Rana iberica, Schistostega pennata, etc.

Os traballos en Froxán comezarán ás 10 da mañá, máis é imprescindíbel estar no punto de encontro (que será comunicado ás persoas inscritas) ás 9h30 para irmos xuntas á zona da intervención. Para participar nesta acción é imprescindíbel en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria de 7 de xullo mediante un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org Agradécese que nos notifiquedes se tendes algún requerimento alimentario especial para tentar que no albaroque haxa algo para vós. A data límite para apuntarse é o 2 de xullo para poder organizar ben a comida e demais loxística.

Crónica da roga deseucaliptizadora do Castro de Bexo

Eran ás 9:30h do sábado 16 de xuño e comezaban a chegar ata a Cruz do Avelán voluntarios e voluntarias de toda Galicia: de Ribeira, de Compostela, de Vigo, de Vilaboa, de Ponteareas, de Ferrol, da Coruña, de Ames, de Mondariz, de Poio, de Lousame, de Ourense, de Rianxo, de Pontecesures, de Teo e por suposto de Dodro, que acudiron á roga. Joám da Brigada Deseucaliptizadora do Barbanza traía as ferramentas, ían chegando os tractores de Xurxo e de Ares de Bexo, coordinados pola A.C. Unidade Veciñal de Dodro, para transportar dende este lugar ós brigadistas, para non ateigar de vehículos as proximidades do Castro. Como nunha procesión foron os tractores cargados de xente e ilusión para afrontar o traballo, e de auga fresca e froita que a AA.VV. de San Xoán de Laíño se encargou de proveer.

Ás 10h. empezaron os traballos de eliminación de rebrotes dos eucaliptos e a baixada da rama que quedou na parte alta do castro trala corta que se fixo fai un ano.

Ás 12h. fixemos unha paradiña para refrescarnos e repoñer forzas con unha pouca froita, que tamén aproveitamos para que Carlos Otero Vilariño, arqueólogo director do proxecto, nos explicara brevemente en que consistirán os traballos no futuro e para indicar que o traballo das brigadas deseucaliptizadoras lle parece moi interesante para recuperación do patrimonio castrexo que aínda está asoballado pola presenza do eucalipto.

Despois dun magnífico traballo dos brigadistas, que deixaron completamente limpo de rebrotes e de rama todo o entorno, fixemos unha visita por todo o castro con Carlos Otero de guía que nos explicou o sentido do castro e as súas funcións, tanto en época castrexa como na altomedieval. Coas vistas á Ría de Arousa e ó tramo final do Río Ulla, os e as brigadistas preguntaban polos castrexos, as funcións das inmensas murallas, os suevos, os vikingos, o control do territorio… Moito nos prestaron as indicacións de Carlos Otero.

E rematamos cun espléndido albaroque na área recreativa da Cruz do Avelán que organizou a AA.VV. de San Xoán de Laíño.

E aínda houbo folgos para ir a ver os Petróglifos de Bouza Badín! Alá fomos unha boa cantidade de brigadistas a ver os cervos, as coviñas, os círculos concéntricos que fai mais de 4000 anos fixeron os devanceiros da zona.

Agradecer a Joám Evans, a Verdegaia, a Comunidade de Montes da Cruz do Avelán, a AA.VV. de San Xoán de Laíño e por suposto a A.C. Unidade Veciñal de Dodro que coordinou todo o operativo.

Por Xoán Xosé Vicente Franco

© 2018: Brigadas deseucaliptizadoras