Agosto, 2018

now browsing by month

 

Primeira roga en Corcubión impulsada por Boca de Sapo

O próximo sábado 1 de setembro a Asociación “Boca de Sapo” realizará a primeira intervención da brigada local de Corcubión eliminando eucaliptos dunha parcela denominada “Monte Cabeiro”, actualmente de titularidade municipal. A parcela de 7.586 metros cadrados e encóntrase no lugar de Amarelle, máis a apenas 250 metros da vila. Con esta actuación, “Boca de Sapo”, unha asociación eco-social e cultural, sen ánimo de lucro, pretende implicarse na restauración e conservación ambiental dos espazos naturais de Corcubión eliminando os factores que supoñén unha ameaza á biodiversidade do bosque húmedo atlántico galego.

Para iso, Boca de Sapo presentou de maneira pública no Concello de Corcubión, a través do seu regulamento de Participación Cidadá (aprobado na sesión plenaria do 26 de marzo de 2015 e publicado no BOP o 25 de maio de 2015) e de xeito extensivo a toda a cidadanía, unha moción para a declaración de Corcubión como “Concello Libre de eucaliptos”. A devandita moción foi aprobada polo pleno do Concello en novembro do 2017 pola maioria dos grupos políticos coa abstención do partido do PACOR. Esta parcela de Monte Cabeiro pretende ser a primeira na que actúe a Brigada de Boca de Sapo, nun proxecto a longo prazo que irá aumentando as superficies de actuación.

Para colaborar coa Brigada local das Brigadas deseucaliptizadoras que promove a Asociación Boca de Sapo en Corcubión podedes entrar en contacto co colectivo por medio do seu Facebook ou enviando un correo ao email das Brigadas.

Crónica: Comezan as Brigadas deseucaliptadoras en Rebordelo

O pasado 18 de agosto tivo lugar a primeira xornada de participación das brigadas deseucaliptizadoras no monte comunal de Rebordelo. A zona de actuación corresponde a un proxecto de custodia comunitaria do territorio posto en marcha pola comunidade co fin de crear unha franxa de protección e conservación que protexerá a aldea ademais de preservar os recursos ecosistémicos e o seu patrimonio ambiental.

En total fomos 19 voluntarias e voluntarios, que con moita enerxía, comezamos a xornada facendo unha cadea para arrincar os retoños de semente, na zona afectada polos incendios de 2017, nas vindeiras rogas procederemos a corta e retirada da masa de eucaliptos queimados de pequeno porte que predomina nesa área.

Logo desta intervención, desprazámonos a unha carballeira en fase de consolidación, que contén masas de colonización de eucalipto. Nesta área empregamos a técnica de descasque, arrincando a cortiza da árbores desde o chan até o metro e medio de altura. Con esta técnica conseguimos a morte do eucalipto, xa que reduce a súa taxa de crecemento co fin de destinar os seus recursos á cicatrización do tronco. Desta forma evítase a produción de semente, e xeramos unha vía de entrada para fungos e patóxenos, evitando así a posibilidade de retoño da planta xa que de producirse estes, serían demasiado débiles para aguantar as xiadas do inverno e a presión do gorgollo.

Este método, empregado xa na comunidade con experiencias positivas (a árbore morre no prazo dun ano, momento en que retiramos o tronco seco) presenta a vantaxe que durante o proceso de seca, séguese mantendo parte da cuberta arbórea, polo que evitamos o crecemento da matogueira ata a retirada definitiva do tronco, evitando o esforzo e gasto que supón facer accesibles estas áreas illadas dentro das toxeiras que predominan nesa zona de transición entre estadios de sucesión ecolóxica. Ademais a retirada posterior do tronco e menos lesiva para o estrato arborescente e as árbores que están próximas e queremos conservar, xa que se reduce seu peso e a superficie de copa e ramas secundarias, son moito menos extensas e máis lixeiras no momento da súa retirada, provocando menos danos no seu abatemento e facilitando a retirada de xeito manual.

Finalizada a xornada de traballo celebramos o albaroque na casa do pobo de Rebordelo, desfrutando da comida e do grupo de participantes, de conversas, de intercambio de experiencias que logo dunha longa sobremesa rematamos cun pequeno roteiro polo sendeiro do Sabugueiro e unha tarde no río na praia fluvial de Carballedo.

Moito traballo en marcha, moito por facer, mais comezamos un proxecto de intervención motivador grazas a participación de persoas que adican o seu tempo e enerxía a facer estas cousas posibles. Por iso moitas grazas os que participastes e vos agardamos para vindeiras convocatorias, a seguinte 13 de Outubro voltarán as brigadas a Rebordelo.

Grazas voluntarias e voluntarios.

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress