Setembro, 2018

now browsing by month

 

13 de outubro: Nova roga deseucaliptizadora en Rebordelo

Desde a CMMC de Rebordelo no concello de Cerdedo-Cotobade, continuamos cos traballos nunha nova roga das brigadas deseucaliptizadoras marcada para o sábado 13 de outubro. A proposta de voluntariado nesta ocasión céntrase nunha área do territorio que sufriu o desastre ambiental da vaga de lumes de outubro de 2017. Nesta nova convocatoria continuaránse consolidando os traballos da roga anterior realizando a corta e retirada da madeira queimada, principalmente eucaliptos de pequeno porte e o control dos retoños dos mesmos. Tamén realizaremos tarefas de descasque nas masas próximas desta especie que non foron afectados polo lume, para progresivamente eliminala da zona. Partirmos para a zona de traballo ás 9:30 polo que se debe estar puntualmente no punto de encontro a esa hora como moi tarde. O prazo para se apuntar finaliza o día 8 de outubro, sendo preciso enviar un correo a brigadas@verdegaia.org 

Coa devandita proposta preténdese crear unha área de conservación dentro da comunidade de montes, a cal ocuparía dous terzos da súa totalidade, destinada á conservación ambiental e ao uso publico. Deste xeito, xeraríase un cordón de protección de frondosas que protexería á aldea dos lumes forestais, así como a outros servizos ecosistémicos, como o abastecemento de auga, a apicultura ou a produción micolóxica ou da castaña, proxectos que se están a desenvolver en fase inicial na comunidade.

O monte veciñal de Rebordelo representa unha mostra ecolóxica e etnográfica da paisaxe en transición entre as serras litorais e a dorsal galega, onde se atopan bosques de frondosas en bo estado de conservación (Q. robur, Q. pyrenaica, Q. petraea, Q. suber, alen de bidueiras, salgueiros, sabugueiros, castiñeiros, loureiros estripeiros). Por este motivo existe unha biodiversidade moi particular xa que atopamos especies características de distintas faixas ecolóxicas, podendo servir esta actuación de recuperación e restauración ambiental como corredor ecolóxico entre as dúas Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais presentes no concello de Cotobade: o ZEPVN Rio Lérez e ZEPVN Serra do cando. Ademais, en canto a recursos arqueolóxicos e etnográficos, destacan varios xacementos castrexos, como o castro de Famelga e o da Atalaia, así como numerosas fontes, cruceiros, petos de ánimas e conxuntos arquitectónicos tradicionais.

Por todos estes motivos, dende a CMMC de Rebordelo facemos unha roga a solidariedade para a consolidación desta área de protección e para erradicar as especies invasoras do noso monte. Préstache unirte á nosa Brigada? Agardámoste!

Crónica da roga de Frojám de 22 de setembro

Mais de 30 pessoas voluntárias, de todas as idades, voltaram-se a juntar no Monte Vicinhal de Frojám (Froxán), em Lousame, na terceira intervenção que realizam as Brigadas deseucaliptizadoras nesta Área Conservada por Povos Indígenas e Comunidades Locais reconhecida polas Nações Unidas. As anteriores realizaram-se em abril e julho deste ano, e precisamente a deste sábado 22 centrou-se em consolidar os trabalhos de eliminação de eucaliptos e plantação de frondosas nativas que se realizaram na própria atuação de abril (apoiada pola European Outdoor Conservation Association) e outras realizadas no início do ano com o apoio de centros de madrinhas. Em total, nesta intervenção eliminaram-se rebrotes de eucalipto em quase 7 hectares.

As Brigadas receberam também nesta intervenção a visita da equipe das notícias de La Sexta, que filmaram uma reportagem entrevistando as brigadistas e fazendo uma conexão em direto durante o jornal das 14h00. A equipa acompanhou as brigadistas nos trabalhos realizados nas áreas da Costaneira, Costa, Volta dos Carros e Ramo Curvo, e ainda durante o jantar de alvoroque na que as voluntárias degustaram salada de gravanços, empadas de Ardeleiros (Lousame) e bica de Frojám.

 

 

22 de setembro, día europeo das comunidades sustentábeis, roga en Froxán

O día 22 de setembro celebramos o Día Europeo das Comunidades Sustentábeis, que procura por en destaque as iniciativas locais de todo o continente que fan frente ao cambio climático e á crise ecolóxica, xunto co Día Internacional de Combate frente aos monocultivos forestais que se celebra todos os anos o 21 de setembro. As Brigadas deseucaliptizadoras xunto coa Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán e a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins súmanse a este chamado cunha nova roga e albaroque na Área Conservada pola Comunidade Local de Froxán, en Lousame, recoñecida como ICCA (Indigenous and Community Conserved Areas) polo programa das Nacións Unidas para o Ambiente. Como sempre, despois dos traballos colectivos no monte (roga), premiarase as brigadistas asistentes cun xantar de convivio (albaroque).

Os traballos nesta xornada centraranse na eliminación de rebrotes de eucalipto dun hábitat de interese comunitario 9230 de Carballeiras galaico-portugueses con Quercus robur e Quercus pyrenaica, que foi obxecto de traballos de restauración no pasado inverno e primavera coa plantación de miles de pés de frondosas nativas mediante a campaña de micromecenado “No corazón unha árbore” e onde se continuará traballando no próximo inverno co apoio da European Outdoor Conservation Association. Continuaremos os traballos na parte alta do monte, removendo especies exóticas da zona húmida higro-turbosa de “Campo de Lamas”, un proxecto de recuperación ambiental seleccionado como un dos catro casos piloto para a guía “Cómo planificar los proyectos de custodia para adaptarse al cambio climático en las regiones vulnerables de España”, e que podedes coñecer en detalle a través do Anexo A1 da guía.

Os traballos en Froxán comezarán no monte ás 10 da mañá, máis é imprescindíbel estar puntualmente no punto de encontro (que será comunicado ás persoas inscritas) ás 9:30 para irmos xuntas á zona da intervención. Para participar nesta acción é necesario en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria de 22 de setembro mediante un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org Agradécese que nos notifiquedes se tendes algún requerimento alimentario especial para tentar que no albaroque haxa algo para vós. A data límite para apuntarse é o 16 de setembro para poder organizar ben a comida e demais loxística.

Crónica (visual) da Brigada de Corcubión

O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideias en feitos.

A. Daniel Rodríguez Castelao

O primeiro día de setembro a Asociación “Boca de Sapo” levou a cabo a roga inaugural das Brigadas deseucaliptizadoras na Costa da Morte, cunha intervención de eliminación de eucaliptos nunha parcela denominada “Monte Cabeiro”, actualmente de titularidade municipal. A parcela de 7.586 metros cadrados encóntrase no lugar de Amarelle, máis a apenas 250 metros da vila, que sofreu importantes vagas de lumes no pasado. Con esta actuación, “Boca de Sapo”, unha asociación eco-social e cultural, sen ánimo de lucro, pretende implicarse na restauración e conservación ambiental destes espazos naturais de Corcubión, nun proxecto que terá continuidade no tempo e que non só implicará a supresión de especies exóticas invasoras se non que traballos de consolidación e rexenerado natural das árbores autóctones presentes e a plantación de novas árbores para aumentar a diversidade biolóxica destes espazos.

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress