Novembro, 2018

now browsing by month

 

O monte de Froxán precisa de ti este 18 de novembro!

Esta fin de semana hai roga dobre: o sábado 17 no Ribeiro (inscricións pechadas) e o domingo 18 en Froxán (inscrición aberta ata o venres 16). Non perdas estes días de sollío para vir eliminar Acacia e Eucalipto cunha nova roga e albaroque na Área Conservada pola Comunidade Local de Froxán, en Lousame, recoñecida como ICCA (Indigenous and Community Conserved Areas) polo programa das Nacións Unidas para o Ambiente. Como sempre, despois dos traballos colectivos no monte (roga), premiarase as brigadistas asistentes cun xantar de convivio (albaroque).

Os traballos nesta xornada centraranse na eliminación de rebrotes de eucalipto e acacia, nas zonas onde continuaremos facendo plantacións de frondosas autóctonas con centros educativos nos próximos meses. Precisamos que vos apuntedes mediante un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org e que estexades puntualmente ás 10 da mañá no punto de encontro (Google Maps) para irmos xuntas á zona da intervención. Agradécese que nos notifiquedes se tendes algún requerimento alimentario especial para tentar que no albaroque haxa algo para todo o mundo.

Nova brigada desacaciadora no Ribeiro o 17 de novembro

O sábado 17 de novembro botámonos novamente ao monte na aldea de Lentille, concello de Cenlle (Ribeiro) pra atacar a invasión de mimosa (Acacia dealbata) que sofre a comarca. Nesta roga continuaranse os traballos iniciados o pasado mes de maio nunha zona que levaba en estado de abandono desde a década de 1970. Os actuais propietarios pretenden recuperar os valores naturais da mesma así como os canais e pozos de rego antigos, coa súa biodiversidade asociada. A intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érvedos, etc.) para así introducir este mesmo inverno froiteiras bravas.

Para participar nesta acción é imprescindíbel en primeiro lugar estar inscrita como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria do 17 de novembro mediante correo a brigadas@verdegaia.org O límite de persoas participantes fíxase en 30 para facilitar os traballos de modo que se irán cubrindo por orde de inscrición. Agradécese que nos notifiquedes se tendes algún requerimento alimentario especial para tentar que no albaroque haxa algo para vós. A data límite para apuntarse é o 13 de novembro para poder organizar ben a comida e demais loxística.

Comezaremos os traballos ás 10 da mañá e pararemos para o albaroque por volta das 14:00, regado cos excelentes viños e licores do Ribeiro aos que nos ten (mal) acostumadas a Brigada da comarca. A roga non se suspenderá en caso de chuva, polo que vinde preparadas por se fai mal tempo. Despois do albaroque, na parte da tarde, haberá foliada e, se a climatoloxía o permite, un novo roteiro descobrindo os tesouros patrimoniais da contorna.

Continúa a Brigada deseucaliptizadora de Corcubión

O pasado sábado 27 de outubro, os membros da Asociación “Boca de Sapo” de Corcubión, acudiron ao “Prado Cambeiro” para continuar coas labores de tala de eucaliptos e conservación desta parcela. Trátase dun terreno de propiedade municipal situada xusto sobre a vila, e que cunhas 2 hectáreas e orientación leste, sirve de finca piloto para a posta en andamento das Brigadas en Corcubión.

Apenas quedan xa eucaliptos e agora, na próxima actuación, temos que traballar na eliminación de Acacia dealbata (mimosas) existentes na parte alta da braña, traballo ben tedioso polo alto grao de concentración deste tipo de especie que fan unha matogueira moi tupida e dificil. Tamén fixemos traballos de agrupación da valumada e limpeza de polas dos eucaliptos que se talaron.

Seguiremos adiante co plan de rexeneración da finca, do que iremos informando conforme vaiamos progresando nos traballos. Está previsto plantar castiñeiros, carballos, froitais… no vindeiro mes de xaneiro, e para iso tamén temos a colaboración dun veciño da finca, Manolo Canosa, que nos permite utilizar o seu terreo para facer un sementeiro. Preténdese implicar ademais os rapaces e rapazas do CEIP Praia de Quenxe de Corcubión para que veñan plantar na altura certa.

Un saúdos a tódolos/as “Brigadistas”, dende Corcubión.

Francisco Santiago López, membro da Asociación “Boca de Sapo” de Corcubión

Noticia en Que pasa na costa.

© 2018: Brigadas deseucaliptizadoras