Marzo, 2019

now browsing by month

 

1ª Brigada deseucaliptizadora en familia

O domingo 31 de marzo a Área Conservada pola Comunidade Local de Froxán, en Lousame, recoñecida como ICCA (Indigenous and Community Conserved Areas) polo programa das Nacións Unidas para o Ambiente, acollerá a 1ª Brigada deseucaliptizadora en familia, aberta a todas as idades máis con actividades pensadas especialmente para as máis cativas, da man das trasnas e bruxa do Monte de Froxán, e que finalizarán cun toque de maxía.

As actividades para as familias comezarán (con puntualidade absoluta) ás 16:00. Mesmo así, teremos un espazo habilitado para todas aquelas familias que queirades vir antes e mesmo aproveitar para comer en Froxán. A merendola corre por conta das trasnas e bruxa. As crianzas terán a oportunidade de plantaren unha árbore frondosa nativa nas zonas deseucaliptizadas polas Brigadas durante as intervencións de 2018.

Para participar nesta actividade é necesario que as persoas adultas estexan apuntadas como Brigadistas, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais indicaren ata (como moito tardar) o 28 de marzo cantos adultos e cantas crianzas virán mediante un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org Isto é especialmente importante para garantir que teñamos árbores para todas as crianzas.

Todas as crianzas deben vir acompañadas dunha persoa adulta (ou de varias!), que se responsabilizará en todo momento polas cativas.

Deseucaliptización simultánea no Día Mundial dos Bosques

A rede a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, na que se integran Verdegaia e outras entidades colaboradoras das Brigadas Deseucaliptizadoras, ven de facer un chamamento a celebrar o Día Mundial dos Bosques cunha “Deseucaliptización Simultánea” por toda Galiza. Esta plataforma, conformada por máis de 60 entidades, convida a centros educativos, colectivos, asociacións, plataformas e particulares a promover iniciativas de eliminación de eucaliptos e doutras plantas invasoras dos montes galegos durante a vindeira semana,  con motivo do Día Internacional dos Bosques.

vindeiro xoves, 21 de marzo, é o Día Mundial Forestal ou dos Bosques, declarado así pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para homenaxear a importancia de todos os tipos de bosque e xerar conciencia ao respecto, no plano individual e colectivo, instando tamén ás administracións públicas a promover iniciativas que favorezan, protexan e respalden os bosques. Estes achegan á sociedade múltiples beneficios: mitigan o cambio climático, reteñen carbono, favorecen a provisión de auga, xean biodiversidade e paisaxe, son fundamentais para a conservación da natureza, ofrecen oportunidades para o desenvolvemento económico e son fundamentais para a vida.

O lema escollido este ano polas Nacións Unidas para celebrar o Día Mundial Forestal é “Aprende a amar o bosque”, mais consideramos que o primeiro será distinguir o que é un bosque do que non o é. Mentres que un “bosque” é un ecosistema natural complexo, dominado por especies arbóreas e a súa vexetación acompañante, no que habitan animais, fungos e microorganismos entre os que se establecen interrelacións perdurables no tempo; unha “plantación forestal” é un conxunto de árbores normalmente uniformes que se plantan unicamente polo seu interese comercial, e que adoita estar formado por especies alóctonas que non establecen interrelacións perdurables coas especies autóctonas. As plantacións de especies alóctonas (nomeadamente, as invasoras e dominantes) causan un forte impacto negativo sobre as especies forestais propias, o solo, os cauces fluviais, a biodiversidade e contribúen a favorecer os incendios forestais. É caso das superficies ocupadas co xénero Eucalytus, que a día de hoxe xa supera as 500.000 hectáreas, o que representa o 17% do total da superficie galega.

LISTA PROVISIONAL DE ACCIÓNS DE DESEUCALIPTIZACIÓN

Na táboa de abaixo, indicamos algunhas das propostas que xa se sumaron á “Deseucaliptización Simultánea 2019” de Cousa de Raíces, e nas que xa te podes apuntar para participar, contactando coas entidades promotoras a través dos teléfonos e mails que se sinalan.

Tamén podes consultar estes datos premendo sobre as localizacións das accións que se sinalan no mapa preliminar da “Deseucaliptización Simultánea 2019”: https://drive.google.com/open?id=1MgSqHOhuNT-w2PDZvQDV_E-oKXDSE2nH&usp=sharing

Imos deseucaliptizar o país!!! Vémonos no monte!

Táboa deseucaliptización simultánea 2019 -(II)

© 2019: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress