Abril, 2019

now browsing by month

 

Roga desacaciadora dupla no Ribeiro, 20-21 de abril

Despois do éxito do golpe á acacia do pasado 23-F, na fin de semana do 20 e 21 de abril temos convocada roga desacaciadora dupla en Lentille (concello de Cenlle) e Ridimoas (concello de Beade), a cada unha das vertentes do río Ávia. A primeira intervención organízase o sábado 20 de abril coa Asociación Veciñal de Lentille, e retomará os traballos de eliminación de mimosa (Acacia dealbata) tanto no monte comunal do lugar como en parcelas colindantes. A segunda terá lugar o domingo 21 de abril no espazo natural custodiado pola Asociación cultural e ecolóxica Ridimoas en Beade.

Como sempre, para participar nestas accións é imprescindíbel en primeiro lugar estar inscrita como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria do 20 ou 21 de abril mediante correo a brigadas@verdegaia.org A intervención do sábado ten un límite máximo de 50 brigadistas, máis a do domingo estará limitada a 14 persoas, que serán inscritas por rigurosa orde de inscrición. Por iso, agradecemos especialmente que vos apuntedes canto antes (e en todo caso antes ata o día 16 de abril!) para facilitar a organización loxística das dúas xornadas.

En ambos os dous casos, comezaremos os traballos ás 10 da mañá e pararemos para o albaroque por volta das 14:30, regado cos excelentes viños e licores do Ribeiro aos que nos ten (mal) acostumadas a Brigada da comarca. A roga non se suspenderá en ningún caso, MESMO QUE CHOVA (!), polo que vinde preparadas por se fai mal tempo: non existe tempo ruín, só roupa inadecuada. Se tedes reparos en vir a unha brigada mollada aforrade a empada 😉 Despois do albaroque, na parte da tarde, tanto na intervención do sábado como na do domingo, haberá convivio e a posibilidade de visitar o patrimonio natural e cultural que están a por en valor tanto a Asociación Veciñal de Lentille como a Asociación Ridimoas.

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress