Outubro, 2019

now browsing by month

 

23-N: DesACACIAción en LENTILLE!

En Lentille, Cenlle (Ribeiro) imos novamente da man da Asociación Veciñal de Lentille para atacar a invasión de mimosa (Acacia dealbata) que sofre a comarca. Nesta roga continuaranse os traballos das anteriores intervencións de 2018 e 2019 tanto no monte comunal do lugar como en parcelas colindantes. A intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érvedos, etc.). Esta será a última intervención de desacaciación do ano que culminaremos colocando en Lentille os sinais de “ZONA DESACACIADA”. Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org ata COMO MOI TARDE o día 19 de NOVEMBRO. Lembrade que as prazas son limitadas. Coma sempre, o punto de encontro é o estacionamento do Souto ás 9:30 h, e dende aí iráse á pé (10 minutos) ata a zona de intervención.

Teremos aínda á disposición das Brigadistas activas exemplares da tirada limitada de camisolas en algodón ecolóxico. Se aínda non tendes a vosa e ides estar en Lentille o 23-N, lembrade de indicarnos a vosa talla no momento de vos apuntardes (S – M – L- XL – XXL) pois só poderemos levar o número xusto de camisolas de cada talla. Lembramos que as camisolas son totalmente gratuitas para as brigadistas activas aínda que serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming

Por un monte con futuro: plantación de árbores nativas en Froxán o 19-O e manifestación en Compostela o 20-O

Verdegaia é unha das entidades asinantes do Manifesto_Por_un_monte_con_futuro que, entre outras medidas en favor da biodiversidade e dos bosques nativos, demanda unha moratoria indefinida para novos plantíos de Eucalyptus e un programa de redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos e doutras especies exóticasinvasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, ortensias, bambús, crocosmias, etc. Para dar visibilidade social a estas reivindicacións, as Brigadas deseucaliptizadoras fan un chamamento á mobilización na fin de semana do 19 e 20 de outubro.

Para o sábado 19 convocamos unha roga e albaroque moi especiais na Área Conservada pola Comunidade Local de Froxán, en Lousame, recoñecida como ICCA (Indigenous and Community Conserved Areas) polo programa das Nacións Unidas para o Ambiente. Na roga plantaremos máis dun milleiro de árbores nativas (carballos, bidueiros, castiñeiros, érvedos, etc.) nunha zona de 2 hectáreas das que se eliminaron eucaliptos en anteriores intervencións. Realizarase ademais unha intervención demostrativa sobre unha masa de Acacia negra (Acacia melanoxylon) para ilustrar as dificultades de eliminación desta especia. Como sempre, despois dos traballos colectivos no monte (roga), premiarase as brigadistas asistentes cun xantar de convivio (albaroquee aínda teremos disponíbeis as camisolas oficiais das Brigadas.

Os traballos en Froxán comezarán no monte ás 9:30 da mañá. Para participar nesta acción é necesario en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria de 19 de outubro mediante un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org Agradécese que nos notifiquedes se tendes algún requerimento alimentario especial para tentar que no albaroque haxa algo para vós. A data límite para apuntarse é o 16 de outubro para poder organizar ben a comida e demais loxística.

O domingo 20 sumámonos á manifestación “Por un monte galego con futuro” con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá. Coa mobilización demándase das administracións galega e estatal que aposten por unha planificación para o monte galego que teña en conta o actual contexto de perda acelerada de biodiversidade porque afonda nos efectos do cambio climático, incrementando ao mesmo tempo o número, extensión e virulencia dos incendios forestais.

© 2019: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress