Decembro, 2019

now browsing by month

 

29-D: Roga “San Silvestre” en Froxán

As Brigadas deseucaliptizadoras queren acabar este ano deseucaliptizador cunha última xornada de eliminación de especies exóticas invasoras que levaremos a cabo o domingo 29 de decembro na Área Conservada pola Comunidade Local de Froxán, en Lousame, recoñecida como ICCA (Indigenous and Community Conserved Areas) polo programa das Nacións Unidas para o Ambiente. Na roga utilizaremos machadas, motoserras e desbrozadoras para eliminar especies exóticas invasoras, desta volta, eucalipto, mimosa (Acacia dealbata) e acacia bastarda (Robinia pseudoacacia), e preparar o terreno para a súa restauración con especies de bosque nativo.

Os traballos comezarán logo de nos encontrarmos no lugar indicado ás 9:30 da mañáATENCIÓN! Desta volta o punto de encontro será ao pé do antigo edificio de “Compresores” (o edificio azul na parte alta) das Minas de San Fins (https://goo.gl/maps/YPP7y4AfPon1Hjbe8). Na zona de Chán de Avelán (onde se encontra o museo mineiro e restaurante) hai moito espazo para estacionar, pero avisamos que ao mesmo tempo partirá desde ese lugar unha carreira ‘San Silvestre’ organizada por outras entidades, sen relación algunha coa acción ambiental.

Coma sempre, para participar nesta acción é necesario en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista no proxecto, o que se pode facer por medio deste formulario, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir a esta convocatoria mediante un correo electrónico a brigadas@verdegaia.org A data límite para apuntarse é o venres 27 de decembro máis suxerimos que vos apuntedes canto antes para poder por en contacto á xente que ven de lugares próximos de cara a partillar transporte.

Despois dos traballos colectivos no monte (roga), premiarase as brigadistas asistentes cun xantar de convivio (albaroquee aínda teremos disponíbeis as camisolas oficiais das Brigadas. Como desta volta comeremos na mesma zona da intervención, non lonxe de onde se estacionarán os vehículos, o menú será máis simple (non de prato), pero se calquera persoa quere traer a súa comida ou ten necesidades ou preferencias alimentarias especiais non hai ningún problema.

VÉMONOS NO MONTE!

© 2020: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress