Xaneiro, 2020

now browsing by month

 

9-F Deseucaliptizamos Darbo (Cangas)

A Comunidade de Montes Veciñais de Darbo (Cangas) en colaboración coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia convocan a primeira brigada deseucaliptizadora no Morrazo o domingo 9 de febreiro .

Que faremos? Imos arrincar brotes de eucaliptos nos montes de San Roque, tras a corta feita no ano 2018; algúns pódense arrincar a man directamente e para a maior parte precisaremos machadas.

Lugar de encontro: Capela de San Roque (onde hai unha pequena chaira para deixar o coche). Achegamos a localización:

https://www.google.es/maps/place/Ermida+de+San+Roque/@42.2583876,-8.7901492,20z/data=!4m8!1m2!2m1!1scapela+de+san+roque,+cangas!3m4!1s0x0:0xb2cba8645c03e35c!8m2!3d42.2584161!4d-8.7901887

Horario9:30 h: exposición do plan de traballo e reparto de tarefas. 13:30 h: fin da xornada.

Para participar precisades estar dadas de alta como brigadistas e anotarvos ata o día 5 de febreiro enviando un email á Comunidade de Montes de Darbo no correo: cmontesdarbo@gmail.com ou no teléfono 661977634.

As accións das Brigadas deseucaliptizadoras, con un non menos importante sentido de confraternidade e comunidade, articúlanse por volta dos conceptos tradicionais de roga (chamada ao traballo en común) e albaroque (xantar comunal de agradecemento ás voluntarias). A Comunidade de Montes de Darbo ofrecerá ó rematar a xornada un pequeno albaroque para as persoas voluntarias que veñan de fóra do Morrazo, que inclúe opción vexetariana para as persoas que se anoten nesa opción. Haberá garrafas grandes de auga, pero para aforrar envases invitamos a que cada persoa traia da casa a súa garrafa, que poderá reencher coas nosas.

Outras recomendacións: Traede roupa e calzado cómodo para traballar no monte, luvas, pantalón longo e roupa de auga se fose preciso. Aínda que imos ter algunhas machadas e luvas, agradeceremos que no posible traiades as vosas da casa.

Queremos convidar a todas as veciñas e veciños do Morrazo que se queiran achegar, mais tamén a brigadistas doutros lugares a traballar connosco e liberar o noso monte dunha especie foránea adaptada a climas alleos extremadamente secos que, a día de hoxe, avanza sen control e supón a principal ruína do monte e dos bosques de Galiza e Portugal.

Logo das últimas grandes vagas de incendios, co terror de tantos poboadores do rural que cada ano vemos como o lume avanza e xa asedia as propias vivendas, creceu a conciencia do problema entre moitas persoas veciñas.

Estamos convencidas de que, no marco das Brigadas deseucaliptizadoras e a firme vontade de botarse ao monte e traballar, estamos a tempo de salvar o futuro do monte galego, así como o noso espacio como parte dunha natureza que, en definitiva, é a casa de todas e todos.

Sabemos que non hai solucións dende arriba e que calquera con vontade e ganas podemos participar e ser actores e actrices do noso futuro. Cada día somos máis brigadistas. Cada día hai máis iniciativas locais afíns crecendo e organizándose por todo o territorio galego. Queremos seguir avanzando, con máis forza aínda que acacias, eucaliptos e lume, e formar parte do principio do fin das invasoras na nosa fermosa vila, na nosa comarca, no noso país… Vivimos nunha terra privilexiada pola auga e o clima e non temos dereito a roubarlle ás xeracións futuras a casa, a saúde, a vida…

Comunidade de Montes de Darbo-Cangas

Deseucaliptizamos Coruxo o 11 e Valón o 18

Chegaron as dúas primeiras convocatorias deseucaliptizadoras de 2020, previstas para Coruxo, no concello de Vigo, para o sábado 11 de xaneiro, e en Valón, concello de Ferrol, para o sábado 18. Non demores en te apuntar pois as vagas son limitadas.

CORUXO 11-X

O próximo sábado 11 de xaneiro realizaremos a nosa primeira acción de voluntariado do ano 2020 e que será tamén a primeira das colaboracións das Brigadas coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Coruxo, que desenvolve unha intensa actividade de restauración ambiental do seu territorio.

Actuaremos nas ribeiras do regato do Pontón, no monte comunal de Coruxo. Unha vez liberado de eucaliptos, este espazo será destinado á plantación dunha ampla variedade de árbores e arbustos autóctonos, continuando o labor iniciado o ano pasado por voluntari@s e alumn@s do colexio Carrasqueira.

Na xornada do 11 elimininaremos manualmente abrochos de eucalipto, arrincaremos os de menor tamaño e anelaremos os máis grosos. Se podes achegar unha laia ou unha pequena machada resultarán de grande axuda.

Quedamos ás 9:30h no local social da Comunidade de Montes de Coruxo (https://goo.gl/maps/51xzoVUhszMtqCAK7). Cando rematemos a actividade, en torno ás 13:30h, reporemos forzas cun xantar ao que estades tod@s convidad@s.

Podes anotarte contactando coa persoa responsábel da Comunidade de Coruxo a través do whatsapp co número de teléfono 653904642, indicando se ficas a xantar ou non. @s menores de 16 anos deberán vir acompañad@s dunha persoa adulta; se teñen entre 16 e 18 anos, abondará coa autorización da nai, pai ou titor/a legal. As prazas cubriranse por orde de inscrición ata o día 10 de xaneiro, cando pecharemos as listas.

VALÓN 18-X

As Brigadas deseucaliptizadoras voltan a Ferrolterra para dar continuación dos traballos realizados en 2019 no monte do Calexón (Valón), dando continuidade ás de 8 de xuño e 14 de decembro. Desta volta realizaráse unha plantación manual de aproximadamente 300 árbores autóctonas: castiñeiros, carballos e bidueiros maiormente. Nesta xornada o labor será exclusivamente a plantación manual con sacho das árbores autóctonas no lugar que durante décadas fóra un eucaliptal. Agradécese as persoas voluntarias que que dispoñan dela que taraian ferramenta propia.

Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico á persoa coordinadora da brigada: feryanezmarcelin@gmail.com Data límite para apuntarse para facilitar a loxística 16 de xaneiro (máximo 30 persoas).

O lugar de encontró será o local da asociación de veciñ@s de Valón ás 9:00 h da mañá,

https://www.google.com/maps/@43.4952069,-8.2685192,17z

Dende alí particremos para a zona de traballo. Os traballos realizaranse ata ás 14:00 h no que regresaremos á asociación de veciñ@s onde a organización convidará ás persoas participantes ó xantar comunitario. Lembrarvos que as brigadas non son só traballo, senón tamén convivio, todo o mundo é benvido independentemente da súa capacidade de traballo, así agradecemos a presenza de crianzas ou persoas maiores que queiran compartir a xornada ou o xantar con nós.

VÉMONOS NO MONTE!

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress