Xaneiro, 2021

now browsing by month

 

6-F: a desacaciación contuinúa en Lentille

Da man da Asociación Veciñal de Lentille as Brigadas (tamén desacaciadoras!) voltan á carga no esforzo por habilitar camiños e seguir facendo recuar as acacias desta aldea do Ribeiro.

Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a avlentille@gmail.com até como moi tarde o dia 3 de febreiro. Lembrade que as prazas son limitadas (grupos separados con números reducidos segundo a normativa) para podérmonos axeitar ao protocolo covid. O alboroque terá lugar por volta das 14:30 mantendo a separación dos grupos de traballo.

O punto de encontro será o estacionamento do Souto ás 10:00 para quen viaxedes de lonxe virdes con calma e seguridade. Desde aí desprazarémonos a andar (10 minutos) até as zonas de intervención. Moito coidado coa xiada na estrada, por favor.

Cada grupo contará cun motoserrista, unha persoa debidamente acreditada para o manexo de fitosanitarios que se encargará do tratamento sobre cortes recentes, e 4-5 brigadistas que retirarán e separarán madeira e ramallada. Outra persoa terá que dar conta do lume no que iremos queimando a ramallada, para o que xa teremos a oportuna autorización e disporemos de mangueiras para traballarmos con seguridade.

A media mañán teremos un almorzo con froita fresca e froitos secos, e mesmo poderemos asar algunha chouriza no proprio lume das acacias. Disporemos bidóns grandes con auga fresca e ainda temos auga do puzo mais debedes traer a vosa propria garrafa para reencher, así como luvas, calzado axeitado
e mesmo unha muda por se o inverno nos castiga e nos mollamos.

Teremos aínda á disposición das Brigadistas debutantes camisolas en algodón ecolóxico e chapas que son privilexio exclusivo de Brigadistas activas. Se aínda non tendes a vosa e ides
estar en Lentille no 6-F lembrade de indicarnos a vosa talla no momento de vos apuntardes (S
– M – L – XL – XXL) pois só poderemos levar o número xusto de camisolas de cada talla.
Lembramos que as camisolas son totalmente gratuitas para as brigadistas activas aínda que
serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente decucíbeis ao proxecto por medio da
plataforma Teaming.

O menú do alboroque aínda está por concretar, mais avisamos para devotas que xa andamos a considerar o protocolo para reincorporar aquelas lasagnas da Su capaces de transformar o duro traballo da roga nunha ocasión festiva. Viño e licores tampouco faltarán. Vós veredes.

Vémonos no monte, brigadistas! Facemos música coa motoserra!

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

23-Xaneiro: Roga no Formigueiro (Cedeira)

As Brigadas deseucaliptizadoras inician o seu traballo nunha das comarcas galegas máis castigadas polo eucalipto. Esta será a primeira de dúas xornadas de traballo no lugar de Formigueiro (entre
Cedeira e santo André de Teixido). Os traballos terán lugar nunha terra dunha hectárea de Mark Singleton, veterano brigadista, que está a traballar en recuperar o bosque autóctono na zona.

Na xornada do día 23 de xaneiro limparemos o terreo da ramalla que quedou trala corta do eucalipto de fai un ano e machacaremos os rebrotes. Traballarase en pequenos grupos separados, cada grupo cunha persoa encargada de operar motoserra. É imprescindible que cada quen traía as súas propias luvas de traballo e máscara. O machado tamén será de utilidade, polo que aínda que a organización pode prestar varios agradécese a quen dispoña dun propio que o traía.

Para vos apuntar, é preciso, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un
correo electrónico a feryanezmarcelin@gmail.com  ata COMO MOI TARDE o día 20 de
XANEIRO. Lembrade que as prazas son limitadas.

Nunha segunda xornada, aínda por determinar, procederase á plantación de especies de árbores autóctonas, como parte dun proxecto máis amplo de permacultura na parcela. O impacto na biodiversidade da comarca da industria do eucalipto é moi extremo. No futuro esperamos recuperar máis terra hoxe plagada de monocultivos de eucalipto para replantar parte desta fermosa zona con árbores autóctonas, o que favorecerá o regreso de máis animais, aves e insectos á zona.

O punto de encontro será diante da casa de Mark ás 9:00 h:

https://www.google.com/maps/@43.6807068,-8.0137078,517m/data=!3m1!1e3

O traballo desenvolverase pola mañá ata as 14:00 h.

Á mañá de traballo seguirá un xantar comunitario. Atención vexetas e non vexetas!
Será ocasión de experimentar as deliciosas receitas hindús de Mark, ademáis das famosas
empadas de Cedeira! No xantar seguirase protocolo COVID, polo que é necesario que
cada brigadista traia o seu propio prato, vaso e cubertos. Posteriormente poderemos
gozar dun paseo ata os cantís da Capelada.

Serán moi benvidas as doazóns voluntarias e fiscalmente deducíbeis ao proxecto por medio da plataforma Teaming.

Moeda social “A Sabia” para as brigadistas participantes

Verdegaia colabora coa moeda social A Sabia na procura de crear sinerxías entre persoas e redes sociais, comunitarias, solidarias e ambientais fomentando o consumo de proximidade baseado na confianza e o apoio mutuo, e procura favorecer o pequeno comercio e o autoemprego.

A Sabia ofrece, ás e aos Brigadistas que o desexen, unha cantidade en moeda social que poderán recibir na súa conta cada vez que participen nunha brigada como a desta convocatoria.

Para poder recibir a moeda hai que abrir unha conta na aplicación Cyclos: e enviar un email a compostela@verdegaia.org ou un correo á conta de cyclos de Verdegaia informando do seu interese en recibir a moeda.

 

© 2024: Brigadas deseucaliptizadoras | GREEN EYE Theme by: D5 Creation | Powered by: WordPress