Dez preguntas básicas sobre a enerxía en Galicia

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

 A produción, a transformación e o consumo de enerxía son a princct_meirama.jpgipal causa de deterioración ambiental, tanto en Galicia como a nivel mundial. Convidámoste a ler as respostas actualizadas a algunhas cuestións básicas para entendermos mellor a realidade enerxética da nosa terra: cais son as fontes enerxéticas empregadas en Galicia?, somos un país excedentario en enerxía?, a electricidade xerada nos parques eólicos substitúe á electricidade sucia?, que custos dentro e alén das nosas fronteiras implica o modelo enerxético galego?, que propón Verdegaia para avanzarmos cara a un modelo enerxético sustentable?,...

1. Cais son as fontes enerxéticas empregadas en Galicia?

A enerxía primaria son os recursos enerxéticos empregados para un uso final  ou para a súa transformación noutra forma de enerxía (por exemplo, carbón ou vento para xerar electricidade). Segundo o Balanzo enerxético para o ano 2008 do Instituto Enerxético de Galicia -o último dispoñible- só o 13,2 % da enerxía primaria total é de orixe renovable (hidráulica, eólica, solar, biomasa e outros residuos de biomasa). Xa que logo, a maior parte da enerxía primaria procede de combustibles fósiles. O petróleo constitúe a principal fonte de enerxía,  fornecendo o 57,6% da enerxía primaria total. A achega do gas natural medrou moito nos últimos anos até chegar en 2008 a supor o 14,3% e superar así lixeiramente en importancia ao carbón, que agora é a terceira fonte, proporcionando o 14,1% da enerxía primaria.

 Orixe renovable ou non renovable, en porcentaxe, da enerxía primaria en Galicia (2002-2008)

2002

2003

2004

2005

2006

2007

2008

Enerxía  renovable

8,6

11,7

11,3

10,6

13,1

12,4

13,2

Enerxía non renovable

91,4

88,3

88,7

89,4

86,9

87,6

86,8

Fonte: Elaboración propia a partir dos balanzos enerxéticos do INEGA

2. Somos un país excedentario en enerxía?

Galicia non exporta ningún tipo de materia prima enerxética. Non é un país excedentario en enerxía. Estamos moi lonxe da autonomía enerxética. O nível de dependencia enerxética de Galicia, en termos de enerxía primaria, é mesmo dos máis altos de Europa.  En 2008, nada menos que o 86,2 % da enerxía primaria total foi importada: petróleo e derivados, carbón, gas natural e agrocombustibles. Tan só o 13,8% da enerxía primaria total é de orixe autóctona (principalmente enerxía hidroeléctrica, enerxía eólica, biomasa e  residuos da biomasa). A nosa elevada dependencia enerxética tense acentuado aínda máis en 2008 por mor do esgotamento das minas de carbón de Meirama e As Pontes.

Galicia importa grandes cantidades de enerxía primaria (máis do 99% da cal son combustibles fósiles) para a súa transformación en enerxía dispoñible (electricidade, produtos petrolíferos,...) con destino ao consumo interno ou á exportación. De toda a enerxía dispoñible en 2008, o 67% consumiuse no noso país e o 33% restante foi exportada. Vemos logo que o sector enerxético galego, de base netamente non renovable e moi dependente do exterior, atende sobre todo a demanda enerxética galega. Con todo, segue a cumprir un papel importante como fornecedor ao resto do Estado español (e a Portugal) de enerxía transformada (concretamente de produtos petrolíferos, electricidade, gas natural e agrocombustibles).

Orixe, en porcentaxe, da enerxía primaria en Galicia (2002-2008)

2002

2003

2004

2005

2006

2007

2008

Enerxía galega

23

24,7

24,1

22,7

25,2

22,7

13,8

Enexía  importada

77

75,3

75,9

77,3

74,8

77,3

86,2

Fonte: Balanzo enerxético 2008 do INEGA

Cando ouvimos que Galicia exporta enerxía, normalmente o que se pretende dicir é que o noso país exporta enerxía eléctrica, unha forma de enerxía dispoñible para o consumo. Mais hai moito tempo que Galicia deixou de exportar a maior parte da electricidade que xera. En 2009, Galicia, que achegou o 9,5% da xeración eléctrica española, exportou ao resto da Península Ibérica (sobre todo a Portugal) o 25,3% da electricidade producida no seu territorio. É importante suliñarmos tamén que o noso excedente eléctrico non provén só de recursos enerxéticos propios renovables (encoros, parques eólicos,...) senón tamén de combustibles fósiles importados (carbón, gas natural). De feito, en 2009 o 47,5% da produción neta de electricidade foi de orixe fósil.

3. Canta enerxía consumimos?

En 2008, o consumo  de enerxía final  ascendeu a 6,9 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (tep) (1). O maior consumo, cun 38,9% do total, corresponde aos produtos petrolíferos e agrocombustibles, a metade dos cais se destina ao sector do transporte. O consumo de calor representa o 35,5% e o de electricidade o 25,6%. A industria supuxo o 55,8% do consumo eléctrico, unha porcentaxe moi superior á da maioría dos países da UE, o que é debido á localización no noso territorio dalgunhas industrias moi intensivas en consumo de electricidade, nomeadamente a fábrica de alúmina-aluminio de San Cibrao (Mariña luguesa), pertencente á transnacional norteamericana ALCOA.

O consumo de enerxía final de Galicia é excesivo e non deixou de medrar nos últimos anos.  No período 2002-2008 aumentou nun 19%. En particular, o incremento no uso da electricidade foi do 27,6%.

Consumo e exportación de enerxía dispoñible (en miles de tep) en Galicia (2002-2008)

 

2002

2003

2004

2005

2006

2007

2008

Consumo interno galego

5.866

5.850

5.991

6.221

6.339

6.899

6.979

Exportación

3.206

3.312

3.201

3.394

3.522

3.824

3.430

Enerxía dispoñible total

9.070

9.162

9.192

9.615

9.681

10.723

10.409

Fonte: Elaboración propia a partir dos balanzos enerxéticos do INEGA

4. Que custos implica o modelo enerxético galego?

A produción, a transformación e o consumo de enerxía en Galicia, da forma en que hoxe se efectúan, conlevan importantes custos económicos, sociais e ambientais, non só para Galicia, senón tamén para outros países e a escala global. Ademais, parte do prezo do noso sobreconsumo de enerxía e da nosa forte dependencia dos combustibles fósiles será pagado polas xeracións futuras.

Canto aos efectos en Galicia ligados ao noso modelo enerxético, podemos salientar os asociados a un modelo de transporte que descansa sobre o automóbil e o camión (degradación da calidade do aire, custosas infraestruturas que destrúen o territorio, accidentes, perda de habitabilidade de cidades e vilas,...), á produción eléctrica con carbón (impacto das minas das Pontes e de Meirama, contaminación atmosférica local, construción dos portos exteriores de Ferrol e da Coruña,...), aos pequenos e grandes encoros hidroeléctricos (deterioración dos ríos, afeccións a  producións agrarias,...) e á transformación do petróleo (contaminación atmosférica da refinaría de REPSOL, mareas negras,...). Sen esquecermos os impactos sobre a paisaxe e a biodiversidade dos numerosos parques eólicos que foron construídos en zonas ambientalmente inadecuadas, como, por exemplo, espazos naturais incluídos na rede Natura 2000 (a finais de 2009, o 39,3% da potencia eólica instalada no noso país afectaba total ou parcialmente a estes espazos).

No que atinxe aos efectos globais e noutros territorios, é preciso salientar, en primeiro lugar, o contributo ás mudanzas climáticas. As emisións por habitante de cambio climático en Galicia (10,6 toneladas/ano en 2008) son mesmo superiores ás de España (8,9) e ás da UE (9,9), sendo as centrais térmicas e o transporte os responsables da maioría das emisións.  Alén diso, é preciso  destacarmos os cuantiosos danos socioambientais noutros países vencellados á extracción e ao transporte do carbón, petróleo e gas natural que importamos. 

Ao nos apropiarmos gratuitamente dunha parte moi superior á que nos correspondería da capacidade de absorción de dióxido de carbono (CO2) -o principal gas de efecto invernadoiro- do planeta, e ao non compensarmos os custos socioambientais ligados aos recursos enerxéticos que importamos, estamos contraendo unha elevada débeda ecolóxica en materia de enerxía. Esta é moi superior á contraída con Galicia polo conxunto do Estado español por non recoñecer, reparar e compensar debidamente os danos asociados ao papel da nosa terra como fornecedora de enerxía transformada.

5. Usamos a enerxía con eficiencia?

Lamentablemente non. Un indicador de que malgastamos a enerxía é a intensidade enerxética da economía, é dicir, a relación entre o consumo de enerxía final e a xeración de ingresos monetarios. A intensidade enerxética de Galicia (162 tep/millóns de euros constantes de 2000) en 2008 foi ben maior que a do Estado español (131), considerada xa elevada.

A eficiencia enerxética é moi importante. Porén, usarmos a enerxía con eficiencia non abonda para construírmos unha economía sustentable e xusta desde unha óptica global. É preciso reducir o consumo de enerxía en termos absolutos,  decrecer o consumo de enerxía e non simplemente desacelerar o seu crecemento. Por iso, alén de usarmos a enerxía con eficiencia, cómpre apostarmos decididamente pola suficiencia, rexeitando o produtivismo e o consumismo.  Con outras políticas públicas, tecnoloxías, hábitos de consumo, valores sociais,.... poderiamos producir bens, transportar persoas e mercadorías, quentar os  fogares,... con moita menos enerxía do que o facemos hoxe e sen renunciarmos a unha vida satisfactoria.

6. As enerxías renovables poderían atender a nosa demanda de enerxía?

As enerxías renovables só cubrirían hoxe o 22,5% da demanda galega de enerxía. Por iso, pode parecer inalcanzable o obxectivo de cubrirmos algún día  o 100% da nosa demanda enerxética só con renovables. Máis é posible, e en moito menos tempo do que a miúdo se pensa, se facemos todo o posible para que sexa así canto antes ¿Que cómpre facer?. Basicamente tres cousas: decrecer o  consumo de enerxía, orientar máis o sector enerxético galego cara ao autoabastecemento e despregar  masivamente as enerxías renovables, do xeito máis rápido e descentralizado posible. 

No caso particular da electricidade, dispomos de estudos que demostran a viabilidade dun escenario 100% renovable. Un informe encargado por Greenpeace ao Instituto de Investigacións Enerxéticas da Universidade Pontificia de Comillas sobre o potencial das enerxías renovables na España peninsular concluiu que Galicia podería ser totalmente autosuficiente con enerxías renovables para toda a súa demanda de electricidade proxectada para 2050, mesmo con unha só dalgunhas delas (solar termosolar, solar fotovoltaica, eólica terrestre,...).

7. A electricidade renovable substitúe a electricidade sucia?

A electricidade de orixe renovable (eólica, hidroeléctrica,...) goza de acceso preferente á rede eléctrica, polo que sempre substitúe electricidade sucia. Para atender un nível dado de demanda eléctrica, canta máis electricidade renovable se produza, menos electricidade sucia será preciso xerar.  Xa que logo, os proxectos de centrais eléctricas renovables, se o seu impacto sobre o territorio é asumible, achégannos á sustentabilidade ecolóxica.

Se ben, tal e como funciona o sistema eléctrico español, a electricidade renovable substitúe a electricidade sucia, para que sexa unha alternativa total á electricidade sucia -e non simplemente un complemento- cómpre moderar o consumo, acelerar o crecemento das renovables e adaptar a rede eléctrica.  Nos últimos dous anos, o descenso do consumo de electricidade rexistrado en Galicia e no conxunto da Península Ibérica por mor da crise económico-financeira fixo que as renovables cobrasen maior protagonismo relativo na xeración eléctrica do país. 

Achega das enerxías renovables (incluídos os grandes encoros) á xeración de electricidade (en GWh) en Galicia (2006-2009)

 

2006

2007

2008

2009

Produción total

27.914

28.735

27.402

26.698

Produción renovables

13.774

13.447

12.244

14.309

% renovables

49,3%

46,7%

44,6%

53,5%

Fonte: Elaboración propia a partir dos informes anuais sobre o sistema eléctrico español de REE

O crecemento do uso da electricidade no sector do transporte -na actualidade residual- para substituír os derivados do petróleo é desexable sempre e cando a electricidade proceda de fluxos de enerxía renovable e se acometa unha reconversión ecolóxica do sistema de transporte que reduza as necesidades de mobilidade motorizada e potencie os modos máis eficientes en detrimento do automóbil privado. O coche eléctrico non é a panacea para resolver os problemas de mobilidade, só é, baixo certas condicións, unha parte da solución.

8. O gas natural é unha enerxía limpa?

Non é correcto afirmar que o gas natural é unha enerxía limpa, como moitas veces se asegura desde empresas enerxéticas ou institucións. A súa extracción e consumo xera contaminación atmosférica e contribúe ao quecemento global. O que si é verdade é que o fai en menor medida có petróleo e, sobre todo, có carbón. Polo tanto, é mellor queimar gas natural que derivados do petróleo ou carbón, mais as alternativas sustentables son a suficiencia, a eficiencia e as enerxías renovables, non o gas natural.

En Galicia funcionan a pleno rendemento desde 2008 dúas centrais térmicas de ciclo combinado, unha nas Pontes e outra en Sabón (Arteixo), centrais que usan gas natural para producir electricidade. A posta en marcha destas centrais non significou que as altamente impactantes e pouco eficientes centrais de carbón das Pontes e de Meirama deixasen de funcionar, pois continúan a facelo, agora con carbón de importación após o esgotamento das respectivas minas de lignito pardo. De feito, até agora, a produción anual das centrais de ciclo combinado ten sido sensiblemente inferior ás de carbón.

Para abastecer as novas centrais, construíuse no interior da ría de Ferrol, malia unha forte oposición social, a regasificadora de REGANOSA. Esta planta conleva un elevado impacto ambiental e riscos inaceptables para a seguridade das poboacións próximas.

Os gasodutos, e non as plantas regasificadoras, son o mellor método de transporte do gas natural. Licuar o gas natural para o transportar en barco até unha planta regasificadora representa unha perda dun 35% da enerxía, fronte ao 10-20% no transporte por gasoduto.

9. Por que é rexeitable a enerxía nuclear?

A enerxía nuclear é unha forma de enerxía perigosa e insustentable. Non hai unha solución segura e satisfactoria ao problema da xestión dos residuos nucleares, cuxa perigosidade permanece até decenas de milleiros de anos. Ademais, é unha enerxía non renovable e moi cara que só foi capaz de sobrevivir até agora grazas a fortes apoios estatais. Ademais de polas razóns anteriores, as nucleares non poden formar parte dunha solución real á crise climática porque o ciclo nuclear non está libre de emisións de CO2. Non necesitamos a enerxía nuclear, en mans dun reducido grupo de grandes transnacionais. O aforro e as renovables oferecen un potencial moito maior e resultan alternativas claramente vantaxosas desde o punto de vista socioambiental.

No noso país, FENOSA tentou construír unha central nuclear en Xove (Mariña luguesa) nos anos 70.

10. Que propón Verdegaia?

A suficiencia (rexeitar o produtivismo e o consumismo) e a eficiencia (usar de forma máis eficiente a enerxía para facer o mesmo con menos), xunto co desenvolvemento das enerxías renovables, son as chaves para avanzarmos cara á sustentabilidade, para construírmos un modelo enerxético ecoloxicamente sustentable e socialmente xusto (entre países, dentro de cada país e coas xeracións futuras), capaz de responder aos desafíos da crise climática global e do cénit do petróleo.

Para incentivar o aforro e a eficiencia e para facer as renovables máis competitivas, resulta imprescindible redireccionar as cuantiosas axudas públicas que reciben hoxe as enerxías sucias e facer unha ambiciosa reforma fiscal ecolóxica que penalice o desperdicio de enerxía e grave máis as enerxías sucias.

É da maior importancia impulsar unha reconversión ecolóxica do transporte, sector crucial desde o punto de vista da sustentabilidade. A xestión da demanda, é dicir, a redución das necesidades de desprazamento -o que pode ser conseguido a través dun adecuado ordenamento do territorio-, xunto coa inversión na xerarquía dos modos de transporte -colocando o coche e o camión en derradeiro lugar e facendo do ferrocarril a columna vertebral do sistema de transporte-, son as medidas principais. É esencial desligar o benestar do crecemento do transporte e dos custos ambientais e sociais asociados a el.

O desenvolvemento das enerxías renovables debe facerse da forma máis descentralizada posible, apostando tamén pola microxeración para o autoconsumo. Asemade, é preciso minimizar os seus impactos ambientais, por exemplo, evitando a construción de parques eólicos ou minicentrais hidroeléctricas en zonas de alto valor ecolóxico, ou garantindo que o aproveitamento enerxético da biomasa non contribúa á degradación do solo, á diminución da biodiversidade ou á perda de soberanía alimentaria en países empobrecidos do Sur que produzan cultivos enerxéticos para a elaboración de agrocombustibles en países coma o noso.  En particular, o impulso da enerxía solar (térmica, fotovoltaica, termoeléctrica) debería ser obxecto da máxima prioridade. Galicia presenta un potencial alto para a enerxía solar, contrariamente ao que moitas veces se pensa.

(1) Unha tonelada equivalente de petróleo (tep) é a enerxía equivalente á producida na combustión dunha tonelada de cru de petróleo. É un termo de referencia común para todos os tipos de enerxía, non se refire só ao petróleo.

 pdf Dez preguntas básicas sobre a enerxía en Galicia

 

Powered by Bullraider.com