Concentración parcelaria de Guillamil-Sabariz de Parada de Outeiro en Rairiz de Veiga

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo
Verdegaia vén de presentar alegación ó Estudo de Impacto Ambiental da concentración parcelaria de Guillamil-Sabariz e Parada de Outeiro, no concello de Rairiz de Veiga, precisamente por non ser un Estudo de Impacto Ambiental.

Aínda que esta introdución pode semellar estraña, é exactamente o que se alega: que se presenta un documento coma un Estudo de Impacto Ambiental, cando no mesmo documento (Guillamil-Sabariz) se di que non o é, xa que non hai nin un nin varios proxectos da zona que se quere concentra.

No caso de Parada de Outeiro di tamén claramente que non saben cales son os lindes da concentración parcelaria. 

Se ben legalmente a Administración está obrigada a presentar un Estudo de Impacto Ambiental previo que logo hai que volver facer cun proxecto definitivo, tamén é certo que se debe facer en base a un anteproxecto ou unha idea concreta. 

Neste caso o que fan, a falta de saber a zona que se quere concentrar, é coller a totalidade dos concellos e dicir máis ou menos onde se debe e onde non se debe concentrar. 

Esta concentración parcelaria vén precedida, ademais, de problemas para conseguir a información en formato informático (EIA de máis de 300 páxinas, con táboas, datos técnicos, etc,. en cada un dos dous casos), grazas á ignorancia da nova Lei de información ambiental por parte da Administración. No mellor dos casos é ignorancia, pero isto ten certa semellanza ao caso de Reganosa, onde se fixo o Estudo de Impacto Ambiental ao principio de todo, cun documento de 19 páxinas e non se volveu facer ningún máis.

Verdegaia non pode aceptar que unha zona tan delicada ambientalmente como a Limia se trate como calquera outra zona para os efectos de presentar un suposto Estudo de Impacto Ambiental.

Entendemos que esta zona, de facerse a concentración parcelaria, debe ser feita cun coidado extremo e tendo en conta a futura declaración de Z.E.P.A., a situación de zonas protexidas como o LIC das Veigas de Ponteliñares e a acumulación de agresións que sofre a zona, especialmente despois de saber que queren facer un circuito para quads no concello da Saínza (entrada anterior desta páxina web).

 Polo tanto, solicitámoslle á Consellería de Medio Rural que paralice o actual proceso en marcha e que comece un con estudos serios e bases concretas para analizar correctamente os posibles impactos dunha concentración parcelaria nesta zona.

Tamén se lle enviou un escrito ó Valedor do Pobo para dar conta de que é posible que se estea incumprindo o procedemento administrativo.

 

Powered by Bullraider.com