Eucaliptais contra o cambio climático?

Posted by xoseveiras on Outubro 8th, 2011

Xa o dixo Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no Parlamento: “o bosque galego é a principal ferramenta para a loita contra o cambio climático”. Onde pon bosque galego debemos ler plantacións forestais de especies de crecemento rápido, nomeadamente de eucaliptos. O Programa Marco de Acción contra o Cambio Climático 2010-2020 que (supostamente) prepara a Xunta sería, máis que un programa de redución de emisións, un programa de compensacións. O país do millón (e medio) de coches,  ou das dúas centrais de carbón,  só ten que plantar máis eucaliptos e piñeiros para limpar a súa conciencia climática e contribuír á “loita” contra o maior problema socioambiental global.

Read the rest of this entry »

Cos Pés na Terra tamén en Twitter

Posted by xoseveiras on Agosto 30th, 2011

Cos Pés na Terra dá o salto ás redes sociais abrindo unha conta en Twitter: @CosPesnaTerra.

Publicado o número dez da revista Cos Pés na Terra

Posted by xoseveiras on Agosto 29th, 2011

Vén de se publicar o número dez da revista Cos Pés na Terra. Inclúe unha entrevista con Andrew Dobson, un dos máis destacados investigadores do pensamento político verde,  e artigos verbo dos campionatos de caza do raposo, o consumo de auga en Galicia e o novo canon da auga, a pegada ecolóxica global e a achega  da agricultura  á mudanza climática. O editorial defende a necesidade e a viabilidade de prescindir das nucleares e das térmicas de carbón. Os libros reseñados neste número son “La quiebra del capitalismo global” e “Antropoceno”, ambos os dous de Ramón Fernández Durán.

José Manuel Naredo e Tomás R. Villasante (canta sabedoría xunta!), convencidos de que “a principal e primeira proposta” do 15-M debería ser esixir “boas prácticas políticas”, redactaron unha proposta de axiomas de participación a respectar por gobernos democráticos, baixo o título “¡No más atropellos!.  Son cinco propostas, ilustradas con exemplos de actualidade,  que pasamos a sintetizar.

A primeira é someter a referendo as decisións que afectan a maioría da poboación. A segunda é desactivar “prácticas de consenso escuro e elitista” entre partidos que perverten o funcionamento de parlamentos e plenos municipais “ao converter moitos dos posíbeis debates en plenos e en parlamentos en meros simulacros sen valor práctico algún”. Para tornar viábeis as dúas primeiras propostas, un goberno  “non pode precipitar decisións” sen facilitar que “a cidadanía debidamente informada participe nas diversas instancias na decisión do plan de acción” (terceira proposta).  A cuarta é que “un goberno ten que incentivar e acoller co máximo interese e apoio institucional as leis e/ou propostas xurdidas por iniciativa popular”. A quinta é ampliar  os instrumentos de participación e deliberación cidadá.

Ao ver de Naredo e Villasante, un goberno que non siga as devanditas boas prácticas “non debe chamarse democrático, senón despótico ou autocrático, por moito que fose votado no seu día por unha minoría suficiente do censo electoral”.

Reducir e relocalizar

Posted by xanduro on Xullo 26th, 2011

O mito do crecemento infinito nun planeta finito derrúbase no medio dunha crise non só económica senón tamén alimentaria, enerxética, ambiental e poboacional. A superación do pico do petróleo (no ano 2006, segundo a Axencia Internacional da Enerxía) presenta un escenario de constante aumento do prezo da enerxía. Acelérase o esgotamento dos recursos e materias primas, namentres grandes porcións da poboación mundial seguen carecendo do máis básico. O espazo de relación humana fica cada vez máis nas redes sociais e menos no contacto persoal, coñecemos países lonxanos e descoñecemos o propio, protestamos polo peche de negocios nas nosas localidades mais mercamos en grandes cantidades produtos fabricados a milleiros de quilómetros en condicións de práctica escravitude…. e as “solucións” propostas para saír da crise son máis do mesmo.

Cumpre recuperar a escala humana nas relacións que sustentan a sociedade: relocalizando as actividades en espazos máis achegados, potenciando dese modo a economía e o tecido social local; reducindo o consumo enerxético e apostando por enerxías renovábeis de produción descentralizada e distribuída; reducindo o consumo de recursos e materiais; relocalizando os nosos espazos de relación social, fomentando o compromiso e tecendo redes de participación; reducindo a dependencia das transnacionais e recuperando a soberanía alimentar, reducindo as horas de traballo remunerado e recuperando as horas compartidas no coidado mutuo, socializando os beneficios e privatizando as perdas . . . en definitiva, reconstruír dende o próximo un novo paradigma vital.

A verbena hispana

Posted by xoseveiras on Xuño 21st, 2011

É ben raro que a  opinión publicada nos  xornais de maior audiencia cuestione abertamente grandes proxectos de infraestruturas de transporte, sempre “estratéxicos”, “irrenunciábeis”, “vertebradores” e “impulsores do desenvolvemento”. Así que chama a atención ler un artigo como “A verbena hispana”, asinado por Xosé Manuel Sarille en “El Correo Gallego”. Aos que vexan “terceiromundistas” as estradas suecas con certeza que non lles ha gustar. Mais poden estar descansados. Os que todo o saben e moito mandan, malia todas as crises, e mentres poidan, seguirán enterrando cada ano centos de millóns de euros de diñeiro público nos monumentos ao desatino do futuro, monumentos que acabarán de pagar os nosos fillos.

Despois do petróleo, o final do carbón barato

Posted by xoseveiras on Xuño 7th, 2011

A confianza en que o carbón seguirá sendo abundante e barato durante as próximas décadas non semella moi fundamentada, segundo “The end of cheap coal”, un artigo publicado  na revista Nature. Os autores, Richard Heinberg e David Fridley, esgrimen dúas razóns para soster que os prezos do carbón van subir nos próximos anos: as reservas de carbón semellan menos abundantes do que se cría e o aumento do consumo disparouse desde o ano 2000, debido sobre todo a China, o principal estado produtor e consumidor, cunha influencia determinante nos prezos futuros. Un estudo apunta que o teito máximo de produción de carbón na China acadarase entre 2025 e 2032. Durante e despois dese teito a calidade do carbón diminuirá e o seu prezo aumentará.

Richard Heinberg e David Fridley, membros do Post-Carbon Institute, coidan que resulta improbábel que se poida atender a demanda enerxética mundial prevista máis alá de 2020. Os límites no consumo enerxético, se é que non se fixan por vías políticas, serán impostos polos prezos e os recortes nos subministros. “Os estados deberían inmediatamente comezar a preparse para un escenario de elevados prezos dos combustíbeis fóseis e para investiren todo o posíbel en eficiencia enerxética e enerxías renovábeis. Mesmo así, o mundo terá que aceptar unha redución do crecemento económico”.

Xoán Ramón Doldán, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, participou na mesa redonda “Política económica máis alá da crise?”, celebrada no marco das xornadas “Novos camiños para a esquerda galega” (Santiago, setembro de 2010), achegando unha visión desde a economía ecolóxica, unha visión ben atinada pero desde logo ben minoritaria na esquerda galega dos nosos días.

Perante a crise múltiple (non só económica) que padecemos cómpren, ao ver de Doldán, “respostas locais rupturistas con esta dinámica de maneira extremadamente urxente (se xa non é tarde para algunhas cousas), sen agardar a que se teña que dar unha confluencia mundial e unha resposta global (…). Parafraseando a Tito Livio, poderíamos dicir que xa non podemos permitirnos nin os vicios que nos trouxeron á crise nin os remedios que se queren e se están a aplicar para superala. Seguindo así, máis alá da crise só teremos unha crise máis grave”.  Doldán apunta varios camiños (decrecer, re-ruralizar, recuperar a democracia) e salienta o carácter esperanzador de “milleiros de exemplos de resistencia no planeta, algúns deles aparentemente modestos na causa que os move e os colectivos que a sustentan, mais enormemente resilientes”.

A continuación pódese ver o vídeo da intervención de Doldán. O texto do seu relatorio pódese ler aquí.

 

O prezo da auga

Posted by xoseveiras on Maio 16th, 2011

Nas bacías de Galiza-Costa, a demanda de auga urbana, de auga que circula polas traídas (para atender non só consumo doméstico, senón tamén comercial,  institucional e parte do industrial e agrogandeiro), supón o 68% do total, mentres que no territorio galego da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil representa o 35,5% (datos para 2005 procedentes dos respectivos borradores de plans hidrolóxicos).  En total son 371.600 millóns de litros de auga extraídos da natureza para entrar nun ciclo humano da auga consumidor de non pouca enerxía e que son devoltos en parte á natureza cunha certa carga contaminante.

O estabelecemento de prezos da auga, en particular da auga urbana, que sexan socialmente xustos e ao tempo promovan o aforro –algo sempre desexábel independentemente da abundancia ou escaseza da auga- é parte fundamental dunha política da auga sustentábel. No artigo “El agua en las ciudades: derecho humano, gestión y precios”, Nuria Hernández, presidenta da Fundación Nova Cultura da Auga, afirma que “Dadas as características do sector (servizo estratéxico, monopolio público), este reto só se pode afrontar desde a confianza de que o servizo é prestado por empresas públicas democráticas, eficaces e transparentes”.