Novo vertido nas Fragas do Eume

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Punto vertido río SesínVerdegaia aponse ao vertido no río Sesín, afluente do río Eume, das augas da depuradora de Gunxel, no Concello da Capela. Mentres que a zona e o cauce afectados por esta vertedura forman parte do parque natural Fragas do Eume, o que supón poñer en risco o hábitat de especies protexidas como Woodwardia radicans, as augas residuais proveñen de núcleos de poboación alleos ao propio espazo natural. De levarse adiante o proxecto, sería a segunda  modificación do punto de vertido realizado polo Concello da Capela sen contar cun estudo de impacto ambiental, un estudo completo de alternativas ou a posta en marcha de medidas correctoras no propio sistema de saneamento.


A EDAR de Gunxel, no termo municipal da Capela, está deseñada para o tratamento das augas residuais urbanas de 300 habitantes distribuidos en catro núcleos de poboación. Actualmente conta cun sistema insuficiente de evacuación das augas tratadas a través dun pozo de infiltración e unha gavia drenante nunha zona de monte que non é capaz de asumir a cantidade de agua resultante da estación depuradora, o que provoca que as augas terminen correndo ladeira abaixo e polos camiños do parque natural Fragas do Eume. Ademais, integrantes de Verdegaia puideron comprobar o mal olor desas augas en diferentes épocas do ano.

Este sistema de infiltración foi posto en marcha para substituir o inicial vertido directo das aguas da depuradora ao río Sesín nun tramo fluvial onde se conservan varios muíños e que o Concello da Capela está a promover como un itinerario para visitantes. Sen embargo, os responsables municipais non parecen ter reparo en devolver de novo o vertido ao río Sesín augas abaixo nunha zona menos visible que no tramo de muíños, despois dos malos resultados derivados do sistema de infiltración. Segundo a documentación que consta en Augas de Galicia, os problemas do Concello da Capela co vertido das aguas residuais da estación depuradora de Gunxel remóntanse a 2007. Sen embargo, en todo este tempo non se realizaron estudos completos de alternativas nin de impacto ambiental para coñecer con detalle a viabilidade das actuacións xa realizadas ou en proxecto.

O concello tampouco está a ter en conta que o verdadeiro problema atópase no sistema de saneamento, debido ao mantemento dunha rede unitaria onde se misturan augas fecais e pluviais. Isto supón que á EDAR de Gunxel chega un volume de agua inxustificado e variable que non só incrementa os custes de tratamento, senón que en épocas de sobrecarga por chuvias, a estación non pode tratar axeitadamente os contaminantes.

Segundo o Decreto 141/2012 , do 21 de xuño, polo que aproba o Regulamento marco do Servizo público de Saneamento e Depuración de augas residuais de Galicia,  as administracións deben encamiñar as súas accións á paulatina subtitución de redes unitarias por redes separativas, garantindo tamén a calidade das augas pluvias. Neste senso, o Concello da Capela continúa a demorar a solución dun problema ao manter a dilución dos contaminantes, primeiro no propio sistema de saneamento e finalmente no cauce do río Sesín, sen ter en conta citerios de eficiencia, aforro e preservación do medio natural.

Powered by Bullraider.com