A voltas co regato de Listres (Ribeira)

regato listres2Desde hai algún tempo véñense producindo na desembocadura do regato de Listres, situada entre as parroquias de Castiñeiras e Aguiño (ambas pertencentes ao concello de Ribeira) problemas de diversa índole que desde Verdegaia consideramos que precisan dunha intervención urxente.
Este regato, que é estacional (no verán con frecuencia baixa seco) e cunha desembocadura de curso variable, anteriormente desembocaba na praia despois de facer un percorrido de meandros cambiante, adaptándose á estrutura do areal. Así foi ata que desde a Demarcación de Costas decidiron modificar a desembocadura, e forzar a súa saída en liña recta.
Para iso, levouse a cabo na primavera de 2015 unha actuación consistente na construción dunha cerca de madeira de gran altura, que obriga ao citado regato a levar un curso dirixido. Ao mesmo tempo, e a ambos lados da cerca, fíxose acumulación de area ata chegar practicamente á altura da cerca por ambos lados. O resultado é que, en lugar de saír ao mar, a auga do Listres queda con frecuencia estancada na zona alta da praia, freada pola area, e recibindo a auga do mar, en lugar de levar as súas augas a el. Ao pouco de realizarse esa intervención puxémonos en contacto con responsables dese organismo, sen obter unha resposta clara acerca do obxectivo da obra en cuestión. Premendo na foto podedes ver máis imaxes sobre a intervención e as súas consecuencias.

Engadir comentario (0)

Ler máis...