60 veces ENCE fóra da ría

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Cartel-ENCEO Goberno español en funcións, do Partido Popular, vén de aprobar este luns 25 de xaneiro a prórroga  da concesión dos terreos de Lourizán e da licencia para continuar coa súa actividade até o 2073 á pasteira ENCE. Deste modo, esta empresa creada da man do franquismo, pasaría a exercer o seu dominio sobre a ría de Pontevedra cando menos por 115 anos, dende a súa instalación no 1958.

De Verdegaia só podemos cualificar como un atentado aos intereses xerais e ao noso medio ambiente esta decisión, que ademais de carente da mínima ética é de dubidosa legalidade, pois está tomada por un gabinete en funcións que debe restrinxir a súa acción a asuntos urxentes ou de mero trámite e cando non está aínda resolta a cuestión da caducidade da antiga concesión. A nosa asociación sumarase a todas as iniciativas que tomen as entidades ecoloxistas, sociais ou políticas para frear esta barbaridade. Para tal fin buscaremos posturas comúns coa FEG e en xeral con todos os colectivos opostos á continuidade de ENCE na ría.

ENCE é dende o 2001 unha empresa totalmente privatizada, con sede en Madrid (é alí onde tributa o imposto de sociedades) e que acolle no seu consello de administración a destacadas figuras da política galega e española vinculadas ao Partido Popular, como Isabel Tocino ou Carlos del Álamo. O seu maior accionista e presidente é o empresario Juan Luis Arregui, fundador de GAMESA e vicepresidente tamén de Iberdrola, quen ten reforzado o seu control da compañía dende que Alberto Cortina comezou a desprenderse de boa parte das súas accións. Dende fai xa anos ENCE é polo tanto unha das grandes empresas que está no taboleiro das elites empresariais españolas e que tanto servizo dan á cargos políticos retirados para a práctica das portas xiratorias. Non é de estrañar a suba do valor das accións da compañía unha vez coñecida a nova, que por certo, comunicou non o Ministerio de Agricultura nin o Goberno, senón a propia pasteira. (Pódese atopar moita infomación da empresa no Libro Branco de ENCE: http://www.encefora.gal/O-Libro-Branco/#1 )

Ás implicacións na contaminación da ría e na ocupación dunha enorme superficie de lámina de auga, sen custe ningún para ENCE, habería que sumar o modelo de monocultivo forestal de eucaliptos que leva décadas a estender polo noso territorio, favorecendo os incendios, destruíndo bosques autóctonos e asociándose co abandono do rural. Aos eucaliptais denomínaselles tamén o deserto verde.

A empresa fala de 800 postos de traballo directo e 5000 indirectos, pero non fai conta de cantos está a destruír este modelo industrial e de monocultivo, na ría de Pontevedra ou en todo o interior galego. A última volta de porca é a introdución de eucaliptos nitens en alturas até agora non expostas a estas plantacións e que mesmo vén de ser prohibido en Asturias por unha sentenza xudicial.

Os eucaliptais non xeran postos de traballo sostibles, o que fan é contribuír á fin do modelo de vida rural e xeran dependencia respecto da empresa, que ten baixo o seu control, como única cliente, as persoas propietarias das plantacións. Cal será o seguinte paso, queimar árbores como biomasa para producir electricidade? Cal é o límite de ENCE? Como toda empresa capitalista os seus únicos límites son as cuestións físicas, o marco normativo ou o balance contable. Como o primeiro é máis difícil de mudar, en función dos seus beneficios económicos vai facer sempre presión para flexibilizar ou eliminar toda norma que poña coto ao seu negocio. O cambio na Lei do Solo de 2012 foi de feito a que permitiu a súa continuidade para alén do 2018, que viña determinada pola normativa do 1988. A proximidade entre cargos políticos e empresariais facilita moito as cousas. Costumes herdadas dos anos 50. Xa basta de soportar este tipo de actuación, non si?

Para rematar só unha reflexión, quizais un tanto parva. Nos últimos anos a estrada que une Pontevedra e Marín tivo que ser cortada en varias ocasións polos anegamentos provocados por temporais e /ou marés especialmente intensas. Que acontecerá se, como é previsible, continúa a aumentar o nivel do mar? Aínda teremos que indemnizar á empresa ou outorgarlle axudas para que poida buscar unha mellor localización. Ao tempo...

Powered by Bullraider.com