Comunicado da FEG sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Playa de Rodas desde la montaña norte - Mario Sánchez Prada - Flickr https://flic.kr/p/4Bwvy7En resposta ás declaracións efectuadas pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, nas que afirma que non se rebaixará a cota de visitantes do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, en concreto ao arquipélago das Cíes, apostando por incrementar o número de visitantes dos 300.000 aos 400.000 anuais, a Federación Ecoloxista Galega quere incidir no feito de que o número de visitantes diarios é excesivo, estando esa cifra pensada para satisfacer os intereses das navieiras e hostaleiros e non para garantir a conservación e sustentabilidade do Parque.

É fundamental destacar ademais que a cifra de 300.000 visitantes nas Cíes non se corresponde coa realidade, xa que as navieiras duplican a diario a cota máximo, sendo o habitual que accedan ás illas máis de 5.000 ou 6.000 persoas. Isto amosa que son as navieiras as que deciden o número de visitantes en función dos seus intereses sen que ninguén lles poña freo. Ó longo de todos estes anos dende que o parque foi transferido á Xunta de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente apostou non só por ser cómplice senón por agravar o problema. Deste xeito no verán máis que un Parque Nacional semella un parque de atraccións masificado e ruidoso.

A Xunta marcouse como meta exclusiva o desenvolvemento do sector turístico na zona onde se sitúa o Parque, esquecendo o obxectivo principal dun Parque Nacional  que debe ser a conservación dos seus valores, cousa que nas Cíes non está a acontecer. Así, sorprende que a conselleira de Medio Ambiente centre as súas intervencións en cuestión económicas e de infraestruturas, o que non é propio das súas atribucións, poñendo os medios para que se acaden cifras disparatas de turistas. Dende varias administracións estase a promover, coa praia de Rodas como bandeira, un lugar paradisíaco de aguas transparentes e finas areas, e dicir turismo de praia. Así, no verán sofren unha masificación insoportable da que dan queixa moitas das persoas que se achegan atraídas polos seus valores naturais. Se cadra nin os turistas de praia han de atopar en Cíes, practicamente colapsadas no verán, esa tranquilidade paradisíaca. Ante estas circunstancias, sería máis recomendable ficar nalgunha das outras numerosas praias do noso litoral.

Os feitos amosan que non existe nin unha mínima preocupación, por exemplo, en relación a que as colonias de aves mariñas se teñan reducido á metade dende a transferencia da xestión do Parque á Xunta, ou de que o corvo mariño cristado enfile xa o camiño da extinción no Parque, como antes lle ocorreu ao arao. A consecuencia é que as políticas de explotación turística da Xunta están a abusar dos límites ecolóxicos do espazo natural.

Tampouco semella impórtalles aos responsábeis autonómicos como é atendida e tratada a xente que visita o Parque. O pasado ano nas Illas Cíes a insuficiencia de persoal  supuxo que só estivese dispoñible unha guía por quenda para atender os 5.000 visitantes diarios que chegaron á illa. Ano tras ano, o aumento imparable e abusivo dos visitantes contrasta coa redución do persoal para atendelos.

Ao mesmo tempo, perséguense galardóns de todo tipo como reclamo, pero sen que implique un esforzo concreto na conservación máis aló do puramente retórico. Sen dúbida, os galardóns concedidos a este Parque como a Carta Europea de Turismo Sostible foron outorgados  dende Bruxelas descoñecéndose a realidade a pé de terreo, pois estase a apostar por un modelo de turismo que é incompatible coa conservación dos espazos naturais dos que non gozan nin os propios visitantes. Ben se podería preocupar a Sra. Mato da calidade da visita de quen se achega ó Parque, da función educativa deste ou de que poidan gozar dos valores que levaron á súa declaración as vindeiras xeracións.

Foto: Playa de Rodas desde la montaña norte - Mario Sánchez Prada - Flickr https://flic.kr/p/4Bwvy7

Powered by Bullraider.com