Verdegaia presentou alegacións á autorización de vertido ao mar das augas residuais de Ribeira

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

edarDenunciamos numerosas irregularidades no sistema de depuración que comezou a funcionar hai pouco máis de medio ano.

O pasado día 3, Verdegaia recibiu unha notificación de Augas de Galicia na que se nos informaba da proposta de resolución para autorizar os vertidos ao mar das augas residuais procedentes da EDAR de Ribeira, tanto no seu emisario como nos aliviadoiros. Verdegaia quere alertar das graves irregularidades que se veñen producindo desde a posta en marcha da EDAR, das que as máis salientables son:

  • Falta de control do tratamento das augas industriais. Ademais de non garantirse a súa depuración en orixe, non se establecen controis sobre as augas que saen polo emisario do Touro, e que poderían afectar gravemente a ría e polo tanto a economía da zona. Por se isto fose pouco, a evidente falta de control dos organismos competentes (Concello e Augas de Galicia) fai que se estean producindo casos de vertidos de augas industriais aos colectores urbanos, contravindo así o establecido no proxecto que no seu día foi aprobado.
  • Vertidos directos de fecais ao mar por medio dos aliviadoiros. Estes vertidos, que están previstos para momentos de pluviosidade inusual, véñense producindo de maneira regular desde a posta en marcha da EDAR no seu período de probas, a pesar da marcada seca que caracterizou os últimos meses. Algúns deles, como o do regato de Listres, están planificados en zonas de baño moi próximas a bancos marisqueiros, poñendo en risco tanto a saúde das persoas como a riqueza marisqueira. Recordamos que nesa zona, que é zona intermareal, téñense producido inundacións. As seguintes inundacións poderían ser de algo máis que auga.
  • Grave problema de cheiros, derivado dos altos niveis de sulfhídrico, un gas que resulta tóxico a determinadas concentracións. Este problema, constante desde hai meses, está supoñendo unha merma nas condicións de vida das persoas que residen en zonas próximas ás estacións de bombeo. O informe de Eptisa sobre a orixe desta problemática fala de que “las medidas de H2S observadas son extremadamente alarmantes y alcanzan valores de toxicidad que aconsejan una actuación de carácter urgente”. As medicións recollidas neste informe están, nalgúns dos casos, fóra de rango.

Verdegaia, así como numerosas persoas residentes nas zonas afectadas, veñen denunciando desde hai tempo todas estas irregularidades, que a día de hoxe seguen a producirse, poñendo en evidencia que as escasas medidas tomadas ata o momento son claramente insuficientes para resolvelas. Solicitamos a denegación da autorización de vertido en tanto non se corrixan todos os problemas observados.

Solicitamos, así mesmo, que se valore a posibilidade de ter en conta outras opcións de depuración que non leven consigo aliviadoiros de augas fecais e pluviais mesturadas.

Aínda estamos a tempo de optar por unha opción de depuración que sexa mellor para a saúde e o benestar das persoas, dos ecosistemas, e da biodiversidade, que é fonte da nosa riqueza marítimo pesqueira.

Pódese consultar o contido das alegacións en: https://app.box.com/s/9t2mlr6k6bivzbhe0bumm7gwymb9a3pn

Powered by Bullraider.com