O Grupo Socialista propón a revisión do catálogo das especies invasoras

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

Imaxe invasorasEstes días sorprendeunos na prensa a nova de que o Partido Socialista quere propor un cambio a nivel estatal na lexislación de especies invasoras "para garantir as actividades deportivas e empresariais e evitar unha importante afección económica para moitos municipios rurais, ao restarlles ingresos polo desenvolvemento de actividades turísticas e de recreo."

Con esta declaración de intencións, ábrese a veda unha vez máis á modificación dun catálogo de especies invasoras que xa sufriu varias transformacións para adaptarse aos intereses duns poucos (principalmente ao poderoso sector da caza e a pesca).

Lembremos que a Lei de Patrimonio e Biodiversidade do ano 2007 dicía que para todas as especies incluídas nese Catálogo estaría prohibida a súa posesión, transporte, tráfico e comercio de exemplares vivos ou mortos, dos seus restos ou propágulos, incluíndo o comercio exterior. E unicamente falaba de excepcións por razóns de investigación, saúde ou seguridade das persoas.

O primeiro Catálogo de especies invasoras é do ano 2011, pero polas numerosas críticas recibidas foi derogado coa publicación no ano 2013 dun segundo Catálogo que non contentou a ninguén (e que foi considerado aínda menos restritivo que o primeiro). Nel dicíase, entre outras cousas igual de polémicas, que quedarían excluídas das prohibicións a troita invasora Oncorhynchus mykiss, a carpa común (Cyprinus carpio), e que se permitía a extracción e comercialización do caranguexo vermello americano (Procambarus clarkii). A raíz disto, e tras un recurso presentado por SEO/BirdLife, Ecoloxistas en Acción e a Asociación para o Estudo e Mellora dos Salmónidos (AEMS), o Tribunal Supremo acordou anular esas excepcións, o cal semellaba un éxito para a conservación da biodiversidade española, duramente castigada pola presenza de todas estas especies invasoras.

Con esta nova, moito nos tememos que España voltará dar un paso cara atrás para a erradicación e control das especies exóticas invasoras.

Powered by Bullraider.com