PRACERES: relato dunha loita social e xurídica

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

os praceres - alberto pereira - FlickrAno 2009: unha sentenza do Tribunal Supremo declaraba ilegal o recheo do porto de Marín. 300.000 metros cadrados de recheo roubado ao mar de xeito ilegal con diñeiro público. Os responsábeis desta ilegalidade son a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Autoridade Portuaria de Pontevedra-Marín, aos que temos que sumar ao Ministerio de Medio Ambiente, xa que permitiu, permite e ampara a continuación das obras na zona.

Ano 2017: o Tribunal Supremo vén agora de declarar que non se pode executar a demolición dos recheos ilegais do Porto de Marín porque non saben discernir cales son ilegais e cales non.

Un tribunal que acepta non poder diferenciar o legal do ilegal? Pode ser, as veces é tan difícil discernir onde están os límites de tantas cousas... Precisamente por iso aclarámosche os feitos deste relato en 6 pasos. Queres coñecer a historia?

1
A lista de agresións é longa, desde o recheo de 1958 da enseada de Lourizán para instalar a celulosa ENCE ata o recheo de Os Praceres, a zona pasou en poucos anos de ser un espazo natural privilexiado e un produtivo banco marisqueiro a devir unha masa de cemento e formigón.

2
Os veciños e veciñas de Os Praceres, agrupados na “Plataforma en defensa da praza de Os Praceres”, presentou xa no ano 2001 un recurso contencioso-administrativo ante o TSXG contra o plan especial do porto (aprobado pola Consellería de Política Territorial e sancionado por Núñez Feijoo, entón Conselleiro de política territorial).

3
En 2005 o TSXG falla contra os veciños e en menos de dez días, un tempo record, ordena o embargo das contas da plataforma e apercibe de embargo aos bens do presidente desta plataforma porque segundo o tribunal “os veciños e veciñas tiñan actuado con mala fe”. Con grande esforzo económico e humano (iso sábeo quen teña enfrontado procesos xudiciais deste tipo), da Plataforma presentan recurso perante a sentencia do TSXG ante o Tribunal Supremo.

3
No ano 2009 este tribunal resolve dando a razón á Plataforma declarando ilegal o recheo de Praceres e anulando o Plan Especial do Porto de Marín que o amparaba. A sentenza declaraba nulos de pleno dereito os recheos realizados nos últimos dez anos e obrigaba a devolver a zona ao seu estado orixinal. O alto tribunal condenaba á Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e á Autoridade Portuaria do porto de Marín e Ría de Pontevedra a reposición da zona portuaria á anterior situación.

4
A finais do ano 2010 a Xunta fai pública a nova de que non se pode executar a demolición como ordenaba a sentencia do TS, invocando o principio de inexecutabilidade e reforza a planificación de infraestruturas do Porto, o que fixo que durante todo este tempo e até hoxe os responsábeis, con total impunidade, seguisen ampliando os recheos na zona e non se lles teña esixido responsabilidade algunha. Isto aínda que a sentencia do Supremo indicaba claramente que mentres non existise un plan de usos debidamente aprobado, o plan especial carecía de validez e por iso non se podería levar a cabo ningún proxecto de ampliación. O problema para o medio ambiente, os recursos naturais e a economía da zona son significativos. A causa converteuse nun símbolo da solidariedade, houbo represión, cargas policiais, silencio cómplice de políticos e xustiza mentres as veciñas e veciños eran silenciados e golpeados. O TSXG, que no seu momento fallou contra a plataforma veciñal, era quen se tiña que encargar agora de executar a sentenza.


5
Nos anos 2014 e 2015 foron presentados recursos contra a súa execución, que foron desestimados polo TSXG co mandato explícito de que tiña que executarse a sentenza.

6
Febreiro de 2017. Cal é a nosa sorpresa cando esta semana espertamos coa nova de que o Tribunal Supremo  acepta un recurso de casación interposto pola Autoridade Portuaria de Marín, Xunta e Deputación  contra a execución, estimando os recursos presentados contra as resolucións de execución do TSXG emitidas no 2014 e 2015. Basea esta sentencia en que non se pode discernir que recheos son ilegais e cales non o son, polo que manifesta a incapacidade para executar a demolición, asumindo así os argumentos que daba a Xunta e a Autoridade Portuaria.

Esta é outra barbaridade á que nos ten acostumados a xustiza, agora resulta que non saben que recheos son ilegais e cales non, cando a sentencia do 2009 dicía claramente que era ilegal todo aquilo construído nos dez últimos anos e por suposto tamén todo o construído despois dese ano, xa que non existía plan de usos. Con esta nova sentenza, aínda que a do 2009 é firme, as administracións implicadas volven gañar tempo para que nada mude  e poder seguir confundindo e actuando ao marxe da lei e todo isto, por suposto, co beneplácito de quen se supón que debería impartir xustiza.  Que lectura nos deixa todo isto? O fan porque poden... e nós permitímosllo. Primeiro temos o poder político xunto ao poder económico, a súa mutua corrupción e logo teremos series televisivas sobre esa corrupción para entreternos. Que mecanismo máis fabuloso de podremia que nos fan tragar. Pero este relato non cabe nunha historia de ficción, como non caben no mar os 300.000 metros cadrados de cemento e desvergoña que seguen a lucrar a uns poucos que teñen o Estado ao seu servizo.


Foto: os praceres - alberto pereira - Flickr (CC BY-ND 2.0)

Powered by Bullraider.com