Verdegaia esixe a aprobación do PRUX á altura dun Parque Nacional

Partillar no Chuza!Partillar no FacebookPartillar no TwitterPartillar no TuentiPartillar no Digg it!Partillar no DoMelhorPartillar no Cabozo

De No machine-readable author provided. Caos~commonswiki assumed (based on copyright claims). - No machine-readable source provided. Own work assumed (based on copyright claims)., CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=1080318Verdegaia presentou alegacións ao plan esixindo cambios no PRUX de cara a garantir a conservación dos valores naturais, xa que o documento exposto ao público non garante a debida conservación dos valores naturais. Agora tamén facemos nosa a postura das persoas representantes das Asociacións Ecoloxistas no Padroado do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que ven insuficiente a proposta de plano reitor de uso e xestión (PRUX) de cara á debida conservación dos valores naturais deste valioso enclave protexido, debido, entre outros factores, a unha diminución das zonas de reserva mariña e terrestre con respecto ó borrador sometido a exposición pública en 2011.

Deste xeito, un espazo natural protexido eminentemente mariño (un 85,9 % da superficie total, 7.285,2 ha, é mar) apenas conta cunha reserva mariña de menos do 1 % da súa superficie a diferencia do xa ridículo 3 % que presentaba o documento de 2011. Isto era do máis previsible xa que, en outubro de 2016, a Subdirectora do Parque Nacional, Montserrat Martínez, sacaba importancia a que o espazo protexido contase cunha reserva mariña en condicións, feito moi negativo e premonitorio, ó mesmo tempo que recoñecía que a demora de 14 anos na aprobación do PRUX se debía ás reticencias expostas polo sector pesqueiro e marisqueiro, que non aceptaban as restricións das súas actividades nunha superficie mariña de 218,6 ha, que corresponden a ese citado 3%.

Sería un grave erro que o Parque Nacional non tivera cando menos esas case 220 ha mariñas de reserva integral cando dende a Dirección do Parque insístese na importancia dos valores naturais mariños. Todas as partes concernidas deberían participar na elaboración do PRUX, incluíndo armadores e mariñeiros da pesca artesanal, xa que os seus dereitos de pesca tradicionais teñen que estar garantidos. Cómpre facer todo o necesario para que a protección ambiental teña un efecto positivo nos sectores produtivos, permitindo que as persoas afectadas xestionen e vixíen a reserva mariña para que as poboacións de peixes e mariscos se vexan incrementadas grazas ao seu efecto ambiental positivo.

Entre os valores naturais mariños cuxa conservación debe garantir o PRUX atópanse numerosos hábitats catalogados na Directiva 92/43/CEE como os fondos de Maërl ou os bosques de algas pardas, e especies mariñas ameazadas como o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na Categoría de “Vulnerable”, ou o furabuchos balear (Puffinus mauretanicus) que está catalogada como “En perigo crítico de extinción a nivel mundial” segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza xa que a súa poboación mundial tan só ascendía en 2007 a 2200 parellas reprodutoras, e “En perigo de extinción” no Catálogo Español de Especies Ameazadas.

Como se pode observar a simple vista, a ausencia dunha zona de reserva no Parque Nacional non contribúe á conservación destes hábitats e especies e isto choca de plano cos obxectivos 1, 2, 3, 4 e 5 do propio PRUX que se enfocan á conservación da biodiversidade, coa Directiva 92/43/CEE e coa propia idiosincrasia da zona de reserva mariña exposta no borrador de 2011, no que se incluía nesa área unha grande diversidade de hábitats mariños catalogados na Directiva 92/43/CEE e que neste borrador se retiran incomprensiblemente da zona de reserva.

Con respecto ós hábitats terrestres acontece o mesmo proceso de recorte de zonas de reserva con respecto ó borrador de 2011 xa que desaparecen desta catalogación amplas zonas de cantil na illa de Ons e ecosistemas dunares nas illas de Ons e Sálvora. Cómpre lembrar que nestas zonas aparecen numerosos hábitats catalogados na Directiva 92/43/CEE que constitúen a principal zona de cría das especies de aves mariñas e albergan poboacións de especies de flora vascular ameazada ou con alto interese de conservación que proporcionan refuxio e zonas de alimentación a especies de réptiles ameazadas como o escáncer de patas ibérico (Chalcides bedriagai).

Outros aspectos a mellorar do PRUX van da falta de inclusión das poboacións vivíparas de píntega común (Salamandra salamandra) nas illas Cíes e Ons, feito moi grave dada a súa importancia, xa que as poboacións de Cíes están incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na Categoría de “En perigo de extinción”; á autorización extraordinaria de actividades deportivas na illa de Ons, cos impactos ambientais que este tipo de probas xeran nun espazo natural destas características, ou o exceso de cota de visitantes á illa de Ons, que se fixa en 1.800 persoas/día, cando a capacidade de carga ecolóxica das praias desta illa ascende a 896 persoas/día, polo que esta cota é incompatible, unha vez máis, coa súa conservación.

En canto ás visitas ao parque, sería preciso, como se ven reclamando, rachar un modelo de viaxe recreativa, de verán e praia, para enfocar as visitas cara os valores que representa o espazo nun contexto de ocio, si, máis tamén cunha compoñente moito maior de educación ambiental e respecto ao medio. As campañas de publicidade, cando menos as institucionais, deberían contribuír a asentar este modelo en detrimento do que ven funcionando nos últimos anos.


Foto: De No machine-readable author provided. Caos~commonswiki assumed (based on copyright claims). - No machine-readable source provided. Own work assumed (based on copyright claims)., CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=1080318

Powered by Bullraider.com